El Correo Gallego

Noticia 32 de 48 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Rianxo activa unha Escola de Familias, con tres obradoiros

Arranca o día 24 con cinco sesións sobre a disciplina positiva e seguirá en setembro

S. S.   | 13.04.2019 
A- A+

Rianxo. O Concello de Rianxo pon en marcha a súa Escola de Familias, que incluirá tres monográficos de varias sesións cada un relacionados cos coidados familiares básicos: crianza respectuosa, alimentación infantil e autorregulación emocional. Pretende facilitar ós núcleos familiares as técnicas máis innovadoras e os estudos máis recentes sobre estes tres aspectos que tanta relevancia teñen para a educación das crianzas na actualidade.

O primeiro obradoiro de disciplina positiva comezará o vindeiro mércores día 24 e constará de cinco sesións dirixidas pola especialista en Pedagoxía María Paredes. A partir de setembro terán lugar os outros, a cargo da nutricionista L­idia Folgar e a psicóloga familiar Raquel Bello.

Van destinados tamén ó persoal educativo (docentes de ensino de Infantil e Primaria, educadores de garderías e de ludotecas) que pode acceder a un tipo de formación especializada de maneira doada e a un prezo moi reducido.

Para obter máis información, os interesados poden poñerse en contacto co Servizo de Normalización Lingüística do Concello, chamando ao número 881 988 891 ou escribindo un correo electrónico a normalizacion@concelloderianxo.gal. O prazo para matricularse no primeiro monográfico remata o vindeiro luns día 22.