Miércoles 16.10.2019 Actualizado 18:50
Google    

El Correo Gallego

Noticia 23 de 60 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Rianxo exalta a xouba, o berberecho, o mexillón e a ouxa

SUSO SOUTO  | 26.07.2019 
A- A+

A carpa que se vai instalar no Paseo da Ribeira acollerá en Rianxo a Festa Gastronómica dos Produtos do Mar, que se celebrará mañá e o domingo. Con esta nova cita, o Concello pretende poñer en valor as súas especies estrela (a xouba, o berberecho e o mexillón) pero tamén un peixe pouco comercial, da familia da raia: a ouxa.

Na xornada de mañá, entre as seis e as oito da tarde, o cociñeiro local David Alcalde protagonizará un showcooking no que os asistentes poderán degustar de xeito gratuito os pratos que ensinará a elaborar en base a cinco receitas: xouba en tempura con guacamole e noces; ameixas ó cilantro; berberechos encebolados con alioli de limón; ouxa asada con grelos e ovos rotos; e mexillón con escuma de escabeche doce.

Ademais, haberá unha mostra de artesanía, rutas de tapas pola hostalería, visitas guiadas ó Museo do Mar e concertos como o que ofrecerá Luar na Lubre ás once da noite na Praza Castelao.

Xa na xornada dominical, haberá degustacións a prezos populares. As racións de xouba e berberecho ao natural custarán oito euros; as de empanada de millo de xouba e arroz con berberechos, seis euros; e as de mexillóns ao vapor, cinco euros.

Mariñeiros locais chegarán ó peirao a bordo dunha xeiteira da que descargarán as caixas cos trescentos quilos de xoubas frescas coas que desfilarán nun animado pasarrúas ata o recinto festivo. No programa inclúese tamén o espectáculo musical de Xurxo Xouto, Cantos de traballo das mulleres do mar, a partir da unha da tarde na citada praza, e a actuación infantil de Xoán Curiel, na de Rafael Dieste, ás sete.

Por outra banda, na décima edición da Festa do Mexillón que terá lugar a vindeira fin de semana, organizada polo Clube de Remo local, prepararanse tres mil kilos deste produto, que se servirán a catro euros a ración. Poderase degustar en base a oito receitas: á vinagreta, ó vapor, en escabeche, en empanada de millo e de trigo, en croquetas, en pisto e con fabas. O sábado día 3, ás sete e media da tarde, terá lugar un pasarrúas a cargo dunha charanga e haberá inchables para os máis pequenos. Logo iniciarase a degustación popular. A partir das 22.45 horas actuará o grupo musical Os Sobraos de Bergondo. E o domingo 4, haberá animación musical nas rúas da localidade xa pola mañá, estando previsto o xantar mariñeiro para as once e media.

A vila rianxeira convértese así nun dos principais referentes gastronómicos da comarca do Barbanza para os vindeiros días.