Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Rianxo homenaxeou aos 48 veciños falecidos en mares de todo o mundo desde 1919

Como cada primeiro de maio, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, presidiu onte a homenaxe do Concello ós veciños falecidos no mar. O emotivo acto tivo lugar ante o Monumento ós Afogados do Parque de Galicia, no que figuran os nomes dos 48 mortos en accidentes marítimos, desde os primeiros dos que se ten constancia (José Ferreirós Cerqueiras e Juan Fachado Figueira, en 1919).

Sinistros que ocorreron en mares de todo o mundo; do Báltico ó Gran Sol. Do Mediterráneo ó Jónico. Pero tamén de Arousa ó Ulla.

Nomes, lugares e datas con tristes historias detrás. Coma a do propio organizador do acto, Manuel Galbán. "Meu pai morreu fai 82 anos, tentando salvar a un campañeiro, Francisco Neira. Miña nai estaba embarazada de 6 meses, polo que non o coñecín", sinala.

Ou coma a de Adelaida Caamaño. Tampouco a súa filla, Josefa, coñeceu a seu pai, José Rodríguez Lojo. "Caeu dun pau do barco en 1966 cando ía para Almería. Tiña 26 anos. Casáramos en marzo e faleceu en setembro, estando eu preñada de 6 meses", lembra.

Como cada ano, adícase este recoñecemento a dúas ou tres vítimas en concreto. Nesta ocasión, a José Ordóñez Triñanes, que perdeu a vida en 1971, no Canal da Mancha; a Luis Fachado Rodríguez, en 1972, no Báltico, ó envorcar un petroleiro durante unha tormenta; e a Manuel Laíño Varela, en 1973, no Triángulo das Bermudas (no Atlántico).

Familiares dos tres (María Luisa Laíño Varela; José Gregorio Fachado Rodríguez; Estrella Lojo; Moncho Rodríguez Sende e José Ordóñez Sobrido) realizaron a ofrenda da coroa de loureiro, xunto co rexedor.

En recordo de Luis Fachado, M. Laíño e José Ordóñez

A OFRENDA Aínda que a homenaxe se fai a todos os afogados, cada ano adícase a dúas ou tres vítimas en concreto. Nesta ocasión, a José Ordóñez, Luis Fachado e Manuel Laíño. Dous familiares (José Ordóñez Sobrido e Estrella Lojo) fixeron a ofrenda xunto ó alcalde, Adolfo Muíños.

Adelaida, viúva ós 6 meses de casar e embarazada

O CANTO De xeito espontáneo, unha muller, Adelaida Caamaño, pechou o acto rezando unha oración e cantando unha pregaria mariñeira. Ela perdeu ó seu home, José Rodríguez Lojo, en 1959, cando estaba embarazada e só 6 meses despois de casar.

Galbán, familiar de 3 vítimas e orfo de pai antes de nacer

O ORGANIZADOR Manuel Galbán Sobradelo organiza desde 2007 esta homenaxe. No monolito cos nomes dos 48 falecidos no mar, 3 son da súa familia: seu pai, Manuel Galbán Rodríguez; seu curmán, Ángel Galbán; e seu afillado, Manuel Alcalde.

01 may 2019 / 20:38
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito