El Correo Gallego

Noticia 7 de 76 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Rianxo licita o subministro de wifi gratis en espazos públicos

S. S.   | 05.03.2020 
A- A+

O Concello de Rianxo acaba de sacar a licitación, cun orzamento de 48.848 euros, o subministro de rede wifi aberta e de balde para espazos públicos do municipio. Son máis de dez as zonas previstas, entre as que se inclúen cando menos un punto por parroquia nos centros culturais, en prazas e mesmo algunha praia que este mesmo verán podería ter ese servizo. Unha vez adxudicado hai un período dun mes para executar os traballos.

O municipio foi seleccionado como beneficiario do proxecto WiFi4EU da Axencia Executiva de Innovación e Redes (INEA) da Comisión Europea. Esta iniciativa promove o libre acceso da cidadanía a conexións wifi abertas e gratuítas en espazos públicos de municipios de toda Europa.

O prego de prescricións técnicas describe as condicións que rexerán a contratación do subministro do equipamento necesario para dar cobertura, así como a instalación e posta en funcionamento e os servizos de mantemento dos equipos e das conexións de datos durante un período de tres anos.

Posto que nesta licitación se inclúen tanto a instalación dos mencionados elementos wifi como as conexións á Internet, este último servizo pode ser dado a través de subcontrato ou unión temporal entre empresas.