El Correo Gallego

Noticia 6 de 15 noticia anterior de Rianxo Área de Compostela » Rianxo

Rianxo mapea 65 historias de violencia física, sexual, psicolóxica ou cultural contra a muller

Trátase dun proxecto de investigación comunitaria que pode verse na páxina web municipal e nas redes

Captura de pantalla do mapa Pingas de luz feito en Rianxo - FOTO: Concello de Rianxo
Captura de pantalla do mapa Pingas de luz feito en Rianxo - FOTO: Concello de Rianxo

S. S.   | 13.03.2019 
A- A+

Rianxo. O Concello de Rianxo promoveu un proxecto de investigación comunitaria de feitos machistas ocorridos na propia vila en toda a súa historia, co obxectivo de rachar o silencio e a vergoña que sufriron, a maiores, as vítimas dos mesmos. Denomínase Pingas de luz e localiza nun mapa un total de 65 relatos de violencia machista en todas as súas variantes: física, sexual, psicolóxica, económica ou cultural.

O traballo pode consultarse na páxina web municipal ou en Facebook e, pinchando sobre os puntos marcados (diferenciados por cores segundo o tipo de agresión) accédese á información de cada un dos casos, xa sexa a través dos testimonios recollidos, de fragmentos de sentencias ou de novas reflexadas en diversos medios de comunicación.

Así, inclúense, por exemplo, dende o secuestro e asasinato da moza madrileña Diana Quer (cuxo cadáver foi ocultado nunha nave abandoada da parroquia de Asados), ata a denuncia dunha concelleira contra un familar, pasando pola presentada o pasado mes de novembro por unha nai contra seu fillo porque lle pega dende que ten 14 anos.

Feitos estremecedores, coma o dun home que asperxeu con gasolina á súa irmá mentres esta durmía, ocorrido en 1997 na aldea de Quintáns. Cítase tamén a Teresa e Josefina Rodríguez Castelao, que sufriron todo tipo de represalias, como multas, inxurias, molestias e desprezos por ser irmás de Castelao, membro e simpatizante do Frente Popular.