El Correo Gallego

Noticia 36 de 207 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Activan a variante de Ribeira

En breve presentarase o proxecto á Corporación "en busca do consenso" // Cume de xefes territoriais para pasar revista a obras por 62 millóns en Barbanza

Ovidio Rodeiro, quinto pola esquerda, onte en Ribeira cos xefes e xefas territoriais das dez consellerías na provincia da Coruña - FOTO: ECG
Ovidio Rodeiro, quinto pola esquerda, onte en Ribeira cos xefes e xefas territoriais das dez consellerías na provincia da Coruña - FOTO: ECG

SUSO SOUTO   | 20.06.2019 
A- A+

Ribeira acolleu onte a primeira das reunións itinerantes que a partir de agora se van celebrar na provincia da Coruña entre o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, e os xefes e xefas territoriais das dez consellerías.

Neste encontro, o representante autonómico pasou revista ás actuacións en marcha e ós investimentos previstos en Barbanza por parte de ditos departamentos. E, entre as obras máis importantes en materia de infraestruturas, atópase precisamente a que nos vindeiros días lle será presentada á nova Corporación de dita localidade: a circunvalación. Trátase dun vial de 3,5 quilómetros que bordeará a cidade ribeirense dende Xarás ata O Touro e que custará nove millóns de euros.

Neste momento está redactado xa o proxecto básico e, antes de sometelo a exposición pública, o Goberno galego quere coñecer as aportacións da administración local "en busca do consenso".

Polo que respecta ós demais proxectos para a zona territorial que abarcan os municipios de Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Muros, Noia, Outes, A Pobra, O Son, Rianxo e Ribeira, o Executivo autonómico leva investidos nos principais programas, axudas e inversións máis de 62 millóns de euros (57 en 2018 e case 5 no que vai de 2019). En saneamentos, a cifra é de 10 millóns.

En canto ás reformas previstas nos centros de ensino, Educación actuará en 17 colexios, nos que investirá máis dun millón de euros. A maioría comezarán nuns días, en canto rematen as clases. A máis importante é a mellora da eficiencia enerxética do CEIP Felipe de Castro en Noia (677.000 €). A vindeira semana firmarase o contrato para iniciala.

O plan de axudas para os parques empresariais deixará este ano na comarca 306.000 €, para obras nos polígonos de Boiro, Noia e Ribeira. En xullo clausuraranse os seis obradoiros de emprego que formaron a 108 persoas cunha achega de 1,4 millóns.

As obras forestais realizadas pola Consellería de Medio Rural supoñen un investimento de 2,8 millóns en dita área, correspondentes a camiños, peches e limpezas (incluídos os 499.000 € de actuacións de emerxencias polo incendio de Rianxo-Dodro).

Ademais dos traballos que se levan a cabo nos peiraos de Portosín e O Son, por 750.000 €, acometerase despois do verán a segunda fase da remodelación da fachada marítima ribeirense (580.000 €) e, en breve, farase a pasarela do porto noiés, cunha achega que supera os 200.000 €.

Tamén se analizou o estado dos proxectos que xa están aprobados para realizar este ano coas achegas da Consellería de Presidencia, que deixarán no mencionado ámbito, entre as ordes de Infraestruturas e do Fondo de Compensación Ambiental, 737.000 euros para dezaséis obras.

 

{ A LETRA PEQUENA }

Informar e escoitar

ADOITA SER UN BO SISTEMA o de informar con transparencia e receptividade e escoitar as suxerencias dos diferentes axentes implicados sobre calquer actuación na que esté en xogo un investimento público. Non convén repetir erros do pasado presentando proxectos pechados que só abren a porta ás queixas, en vez de á colaboración, e que dificultan a súa mellora. Por iso acerta a Xunta buscando o consenso antes de licitar a variante de Ribeira: a obra máis importante contemplada actualmente pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para o municipio. A súa tramitación administrativa será, deste xeito, algo menos complicada do normal.

 

O PROTAGONISTA

Ovidio Rodeiro

Delegado territorial da Xunta

"coa risga dase cobertura a 98 persoas"

Rodeiro sinalou que en Barbanza incrementouse dende maio de 2018 un 32 % o número de horas de Axuda a Domicilio e un 29 % o importe trimestral destas achegas e que, en relación coa Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) "aumentouse, respecto a maio do ano pasado, un 10 % o número de persoas atendidas e un 31 % o importe mensual". Nesta área dase cobertura a 98 persoas que cobran dita axuda (cun investimento mensual de máis de 41.000 €) e Política Social aporta 9,70 € por hora para axudar a máis de 600 beneficiarios, cun custe trimestral de 760.000 €. "Estes datos evidencian a importancia da colaboración da Xunta cos concellos para servizos sociais básicos", dixo.