El Correo Gallego

Noticia 42 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Aprobado o traspaso á Xunta de tres treitos de vía provincial en Ribeira

Solápanse co ramal da autovía que sae en dirección a Palmeira e que é autonómico

S. S.   | 28.06.2019 
A- A+

O Consello da Xunta de Galicia vén de autorizar o cambio de titularidade a prol do Goberno galego de varios treitos da estrada provincial DP-7310, no Concello de Ribeira, como accesos á autovía do Barbanza (AG-11).

O vial que une a estrada comarcal AC-305 e o enlace de Palmeira da AG-11 está formado por treitos de dita vía da Deputación e por outros construídos no seu día pola Xunta como variantes de novo trazado da mesma. Desta maneira, no ramal de conexión conviven tramos de titularidade provincial con outros autonómicos sen que exista delimitación física evidente entre uns e outros.

Por esta razón, a Axencia Galega de Infraestruturas procede a regularizar administrativamente esta situación para que repercuta nunha clara e eficiente conservación e explotación.

Co obxecto de racionalizar a rede viaria e darlle o mellor servizo posible aos cidadáns, solicitouse o traspaso, conformando unha soa vía unha vez que se materialice a tramitación.

Este proxecto de decreto recolle a transferencia á Xunta de tres partes cunhas lonxitudes de 427,326 e 298 metros, sumando un total de 1.051. Están ubicados nas zonas de Figueirido e A Carballa e solápanse co ramal de conexión da vía comarcal AC-305, no enlace de Palmeira coa autovía.

Coa proposta de promover o cambio de propiedade ao seu favor, a administración autonómica incorporará a lonxitude total deste ramal da AG-11 á súa rede.

Deste xeito, os citados fragmentos viais beneficiaranse dos medios da conservación ordinaria e tamén serán obxecto de actuacións promovidas polo Executivo que preside Alberto Núñez Feijóo.

A entrega formalizarase no prazo dos dous meses seguintes á preceptiva publicación do decreto no Diario Oficial de Galicia.