El Correo Gallego

Noticia 65 de 270 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Axudas para promover a conciliación deixan 370.000 euros en Barbanza

Beneficiaranse delas as entidades locais da comarca e tamén chegarán a cinco CIM

REDACCIÓN  | 02.07.2019 
A- A+

A comarca do Barbanza vai recibir 371.000 euros das axudas a entidades locais que concede a Xunta de Galicia para o ano 2019 para fomentar e promocionar a Igualdade, as cales están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Serán sete as entidades beneficiadas para a realización de campañas de fomento da conciliación da vida persoal, laboral e familiar, cunha achega de máis de 81.000 euros (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Lousame, Mazaricos, Outes e Rianxo). Para a posta en marcha de programas de promoción da igualdade e de prevención da violencia de xénero serán catro as que conten cunha axuda total de 31.000 euros (A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota e Ribeira).

As concesións para o programa de apoio aos Centros de Información ás Mulleres chegarán a cinco CIM en Boiro, Muros con Carnota, Noia, Outes e Ribeira cun investimento para o seu funcionamento de máis de 196.000 €. E para as accións de sensibilización, información e difusión sobre igualdade e prevención da violencia contra as mulleres contarán cunha achega de máis de 63.000 euros, destinada a dez colectivos de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Lousame, Muros, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.

Concretamente, no primeiro pagamento recibirán o 75 % da contía da subvención concedida, mentras que o 25% restante librarase logo da xustificación por parte dos beneficiarios do cumprimento da finalidade para a cal foi concedida. Na provincia da Coruña a Secretaria Xeral da Igualdade destinará máis de 1,8 millóns de euros para tal fin.