El Correo Gallego

Noticia 121 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Barbanza vai contratar a 9 perceptores de axudas Risga

Haberá 96.000 euros para Boiro, Carnota e Rianxo e a duración será de nove meses

SUSO SOUTO RIBEIRA   | 04.05.2019 
A- A+

A Consellería de Economía, Emprego e Industria apoia no Barbanza a 9 perceptores da Risga (Renda de Integración Social de Galicia) que nos vindeiros meses se encargarán de reforzar tarefas de interese e utilidade social en tres concellos grazas a un investimento de 96.000 €. Na provincia asinaranse 185 contratos a outros tantos beneficiarios, cun orzamento de 2,1 millóns.

Este plan financia a totalidade dos custos salariais destas persoas, incluída a cotización á Seguridade Social. En dita comarca concederanse axudas a cinco persoas de Boiro, dúas de Carnota e dúas de Rianxo, que pasarán a obter un salario polo seu traballo.

O delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, dixo que "por unha banda, dótase ás administracións locais de persoal para desenvolver tarefas ordinarias e, por outra, ofrécese unha oportunidade ós seleccionados para que poidan atopar un traballo con máis facilidade". En canto ás novidades deste ano, lembrou que "unha delas radica na ampliación da duración dos contratos, que pasa de sete a nove meses; así como un incremento na contía concedida por traballador, que se verá incrementada nun 35,4 %, para chegar a un salario medio de 11.467 €".

A toda Galicia adícanse 7,6 millóns, un 3,6 % máis que en 2018, para 670 parados de 194 localidades.