El Correo Gallego

Noticia 214 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Carregal inaugura o sábado a praza co seu nome ante Fexdega, en Vilagarcía

Réndese homenaxe o empresario afincado no Barbanza, presidente da conserveira Frinsa

Ramiro Carregal - FOTO: ecg
Ramiro Carregal - FOTO: ecg

S. S.   | 06.03.2019 
A- A+

Ribeira. O Concello de Vilagarcía de Arousa fará efectivo este sábado o acordo plenario de darlle o nome de Ramiro Carregal Rey (presidente do Grupo Frinsa, de Ribeira) á praza situada fronte ao pavillón do recinto feiral Fexdega.

O empresario vilagarcián, que xa é Fillo Predilecto da cidade dende 2014, será o encargado de descubrir a placa colocada na zona axardina a carón do río.

O alcalde, Alberto Varela, presidirá o acto oficial ao que están convidados todos os membros da Corporación municipal, así como os representantes dos colectivos sociais e deportivos que promoveron a citada iniciativa. Será o sábado día nove ás 13.00 horas.

A proposta de dedicarlle unha rúa ou praza foi solicitada pola Fundación Amigos de Galicia e pola Asociación Arosa Fútbol 7, dúas das entidades coas que vén colaborando dende hai anos de forma altruísta, financiando e patrocinando accións e programas da primeira, e a organización do torneo deportivo da segunda. O club de fútbol San Martín e o Arosa S. C., entidades ás que tamén presta apoio, sumáronse posteriormente á moción, que foi aprobada na sesión ordinaria do mes de xaneiro.

O homenaxeado foi condecorado coa Medalla de Prata de Galicia (2005) e a Medalla de Ouro ó Mérito no Traballo (2013). É Fillo Adoptivo de Ribeira (dende 2016), Gallego del Año do Grupo Correo Gallego (2017) e padriño da promoción 2001-2006 da Facultade de Dirección de Empresas da USC. Ten 92 anos e é o español que máis tempo leva cotizando á Seguridade Social, 90 anualidades en varias empresas. Nunca estivo de baixa e segue á fronte dunha conserveira que dá emprego a case dúas mil persoas.