El Correo Gallego

Noticia 20 de 305 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Concursos dorneiros para deseñar cartel, camiseta e premios

Remata o prazo o 29 de marzo // Convocouse tamén o certame musical de grupos e solistas

Un dorneiro agardando para competir no ‘Jran Premio Cutre Shark’ o ano pasado - FOTO: Suso Souto
Un dorneiro agardando para competir no ‘Jran Premio Cutre Shark’ o ano pasado - FOTO: Suso Souto

SUSO SOUTO   | 12.02.2020 
A- A+

A organización da emblemática Festa da Dorna de Ribeira xa acendeu os motores para preparar a edición número 72, que terá lugar do 17 ó 24 de xullo. O primeiro será deseñar o cartel, as estatuíñas e as medallas que se entregarán nos dez concursos e a camiseta oficial. O prazo das tres convocatorias rematará o día 29 de marzo.

No caso do cartel, serán os socios da Confraría da Dorna os que fagan a criba entre os deseños presentados. Logo presentaranse na asamblea os que maior puntuación acaden, que se amosarán na páxina de Facebook da Festa da Dorna. O que máis guste nesa rede social será o elexido e o seu autor embolsarase 400 €.

No tocante á camiseta, a impresión do debuxo poderá levar un máximo de catro cores e terá o fondo gris claro. O deseño que máis guste en Facebook será o vencedor, e o seu autor gañará tamén 400 euros.

No tocante ó concurso para realizar as estatuíñas que se entregarán nos dez concursos (entre os que se atopan o Jran Premio Cutre Shark das Embarcasións Feitas a Machada e Propulsadas a Pan de Millo ou o Jran Prix de Carrilanas) poderán participar os artistas ou entidades con obradoiros de arte de Ribeira, que residan ou desenvolvan a súa actividade profesional no concello, nados nel ou que teñan unha especial vinculación ca Festa da Dorna. Nas bases establécense os precios máximos para cada certame, e as 140 medallas deberán ser dun importe máximo de 3 € a unidade. A selección farase antes do 10 de abril e os elexidos terán ata o 14 de xuño para elaboralas.

Por outra banda, as pezas para o Xite Dorneiro (concurso musical destinado a bandas ou solistas) deben enviarse antes do cinco de xullo. O premio será tamén de catrocentos euros.