El Correo Gallego

Noticia 12 de 207 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Educación galardoou os proxectos de catro estudantes ribeirenses

Forman parte do programa Atrévete // Son alumnos do CEIP Plurilingüe de Frións e do IES nº1 de Ribeira

Pomar, centro, entregou os galardóns ós catro ribeirenses - FOTO: ECG
Pomar, centro, entregou os galardóns ós catro ribeirenses - FOTO: ECG

MARTA TORRES   | 18.06.2019 
A- A+

A conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar, foi a encargada de presidir onte a entrega dos premios do programa Atrévete, enmarcado no Plan de Emprendemento do sistema educativo de Galicia, Eduemprende, na que foron premiados catro estudantes de Ribeira. En total, corenta e tres alumnos resultaron galardoados na convocatoria correspondente ao curso 2018/19 neste certame, que ten como obxectivo fomentar, motivar, e sensibilizar no espírito emprendedor ao alumnado de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de ESO dos centros sostidos con fondos públicos.

Durante a súa intervención a conselleira sinalou a importancia deste tipo de iniciativas "que transmiten, máis aló de coñecementos puntuais, valores e actitudes vitais, como o traballo en equipo, a curiosidade e a creatividade, o interese por buscar novos camiños, a paixón polo estudo e a capacidade de superación dos problemas por novas vías".

Neste sentido, a responsable de Educación explicou que os traballos presentados ao certame xa converten as alumnas e alumnos en emprendedores desde as aulas. "Pode que ese espírito vos impregne e vos converta, ao cabo dos anos, tamén en emprendedores no futuro, capaces de deseñar alternativas laborais viables e crear emprego a partir da innovación", afirmou.

Así mesmo, Carmen Pomar quixo agradecer o traballo dos docentes arredor deste programa e a colaboración das empresas e asociacións empresariais polo seu "compromiso coa formación das xeracións máis novas en valores intrínsecos do emprendemento como iniciativa persoal, e responsabilidade".

Ao longo do curso o alumnado participante, acompañado do seu profesorado, colaborou en actividades de fomento do emprendemento, que incluíron visitas ás 25 empresas e 11 asociacións colaboradoras nesta edición. Deste xeito, ademais de achegarlle aos rapaces o tecido industrial da súa contorna, a iniciativa permítelle coñecer de primeira man a experiencia de empresarios e persoas emprendedoras.

Ademais, o estudantado, guiado polos seus docentes, realizan exercicios na aula arredor de conceptos como a motivación, a autoestima, a comunicación, a toma de decisións, o traballo en equipo, a responsabilidade ou a creatividade, entre outros. Para o desenvolvemento do programa contouse tamén coa colaboración de once IES e CIFP.

Unha vez realizadas estas actividades, os estudantes participan no certame presentando unha boa idea de negocio, de forma individual, redactada como máximo en dous folios.

Na convocatoria do presente curso participaron no programa un total de sesenta centros educativos de toda Galicia, dos cales trinta e seis proviñan de primaria e 24 foron presentados por secundaria.

PREMIADOS

•••Os proxectos Residencia Maxkota e Hotel Riacolle, realizados por Ahinoa Pérez Millares e Sara Dios Martis, ambas alumnas do CEIP Plurilingüe de Frións resultaron galardoados. Ademais de facer na aula, guiados polos seus docentes, actividades arredor de conceptos como a motivación, a autoestima, a comunicación, a toma de decisións, o traballo en equipo, a

responsabilidade ou a creatividade, colaboraron co CIFP Coroso. Tamén foron premiados dous alumnos do instituto nº1 de Ribeira, Ana Romano Cameán e Mauro Vizcaya Rey, que desenvolveron dous traballos emprendedores denominados Palanca Captasons e A industria do Pro-Wresthing. Neste caso, complementaron os exercicios levados a cabo no seu centro coñecendo o labor da Asociación de Empresarios de Ribeira.