El Correo Gallego

Noticia 33 de 305 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Formación para un cento de desempregados do Barbanza

A iniciativa supón un investimento na comarca de 250.000 € e forma parte dos Plans Integrados de Emprego da Xunta

Clausura en Ribeira dun obradoiro de emprego celebrado o ano pasado - FOTO: Xunta
Clausura en Ribeira dun obradoiro de emprego celebrado o ano pasado - FOTO: Xunta

C. ESTÉVEZ   | 16.11.2019 
A- A+

Cen desempregados da área de influencia do Barbanza recibirán asesoramento, formación e prácticas a través dos Plans Integrados de Emprego da Xunta de Galicia. Trátase dunha iniciativa cuxa finalidade é que os parados poidan atopar un emprego a través de actuacións que buscan a especialización, grazas á posibilidade de combinar orientación e asesoramento con formación e prácticas. O delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, informou de que a través deste Plan lograrán inserirse un 35 % no mercado laboral. Este curso suporá un investimento na comarca de 250.000 euros.

No conxunto da provincia a Xunta vai desenvolver, nesta nova convocatoria, un total de nove programas integrados grazas a un investimento que supera os 1,9 millóns e que chegarán a 900 desempregados. Rodeiro apuntou que "unha das apostas máis importantes da Consellería de Economía, Emprego e Industria son os programas formativos que, cada vez máis, están orientados a cubrir as demandas reais das empresas da contorna, o que permite unha posterior integración laboral máis alta". Ademais, engadiu que "outra das apostas importantes é complementar a formación con prácticas en empresas para garantir unha inserción real e duradeira no tempo". A este, hai que sumar os obradoiros de emprego e os cursos do Plan Galego de Formación.