El Correo Gallego

Noticia 52 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Inaugúrase o curso da USC sobre sexismo en Ribeira

Un momento da inauguración do curso sobre violencia de xénero da USC - FOTO: C.G.
Un momento da inauguración do curso sobre violencia de xénero da USC - FOTO: C.G.

E.POUSO RIBEIRA  | 11.07.2019 
A- A+

O curso de verán sobre prevención e intervención en violencia de xénero organizado en Ribeira pola Universidade de Santiago de Compostela vén de abrir as súas portas no Auditorio Municipal cun novo récord de asistencia: en total, 130 alumnos procedentes de 29 provincias e cunha participación maiormente foránea.

O acto inaugural contou coas intervencións de Gualberto Buela-Casal, catedrático de Psicoloxía Clínica da Universidade de Granada e alma máter desta acción formativa; Ramón Arce, catedrático de Psicoloxía Xurídica da USC e codirector do curso; José Díaz , inspector xefe de Policía Nacional e secretario do curso; Mar Lorenzo, vicerreitora da USC; Susana López, secretaria xeral de Igualdade da Xunta; e o alcalde Manuel Ruiz.

López Abella, que realizou a ponencia inaugural baixo o título Programas e accións da Xunta de Galicia contra a violencia de Xénero, incidiu na importancia da conciencia social para erradicar o problema.

Nesta liña, quixo destacar López Abella que os avances feitos ata hoxe conseguíronse co compromiso integral dende todos os ámbitos. Tamén recordou que Galicia aprobou hai doce anos a súa primeira lei específica de violencia de xénero, e falou da campaña de prevención e como actuar ante o acoso sexual e por razón de sexo no entorno laboral, unha actuación pioneira en España.

A xornada contou coas ponencias de José Manuel Quintana, capitán da Garda Civil da Policía Xudicial; e de Xabier Peña, subcomisario da Ertzaintza, responsable de Investigación Criminal e da Sección de Violencia de Xénero, Doméstica e Filio-parental en Guipúzcoa, entre outros.