El Correo Gallego

Noticia 5 de 305 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Licitado o reforzo da rede de pluviais que poñerá fin ás inundacións no único acceso a Corrubedo

Coa actuación, que ten un orzamento de case 58.000 euros, ampliaranse tamén as tubaxes do saneamento

FOTO: C.R.
FOTO: C.R.

SUSO SOUTO   | 08.02.2020 
A- A+

Ribeira. Un total de dezasete ofertas foron presentadas durante a licitación da actuación consistente no reforzo da rede de pluviais e a ampliación do saneamento da rúa Buenos Aires, único vial de entrada á parroquia ribeirense de Corrubedo. A zona onde se centra esta obra non ten a día de hoxe suficiente capacidade para recoller toda a auga superficial cando se dan chuvias intensas, o que motiva que se produzan acumulacións de auga na calzada, como ocurriu o pasado día 16 cando se anegou polo forte temporal e tivo que ser cortada ó tráfico.

Ademais, algúns tramos da rúa carecen de saneamento. O proxecto técnico elaborado polo Concello persegue, por unha parte, a mellora da rede de drenaxe da vía e, por outra, a ampliación da rede na marxe esquerda. No que respecta ao primeiro aspecto, instalarase un colector de PVC de 400 milímetros de diámetro e 188 metros de longo, ademais de 17 pozos de rexistro. En canto ao saneamento, instalarase unha tubaxe de 315 milímetros de diámetro e 120 metros de longo, así como catro pozos de rexistro e doce acometidas domiciliarias.

Os traballos teñen un orzamento de 57.781 euros, IVE incluído, e un prazo de execución de tres meses, e financiaranse con cargo ao Plan de Aforro e Investimento (PAI) da Deputación Provincial da Coruña.