El Correo Gallego

Noticia 71 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Novo procedemento de selección para adxudicar 5 vivendas sociais en Xarás

Elaborarase unha lista con vintecinco persoas inscritas no rexistro único de demandantes

SUSO SOUTO RIBEIRA   | 01.08.2019 
A- A+

O Diario Oficial de Galicia publicou onte o anuncio do Instituto Galego de Vivenda e Solo polo que se acorda o inicio do proceso de selección de persoas adxudicatarias de cinco vivendas de promoción pública de réxime xeral en segundas ou posteriores adxudicacións na zona de Xarás, en Ribeira.

Catro dos inmobles teñen unha superficie de noventa metros cadrados e constan de catro cuartos e, o outro, é de 78,45 metros cadrados e posúe tres estancias. Para realizar as adxudicacións elaborarase unha lista, integrada por 25 persoas inscritas no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda, para a quenda xeral, se as houbese, elixidas polo procedemento previsto nas bases. Outorgaranse en réxime de compravenda ou de arrendamento. O prezo de venda fixarase en atención ao valor da vivenda e aos ingresos ponderados da unidade familiar ou convivencial adxudicataria. O prezo dos rochos e garaxes vinculados, de existir, será, respectivamente, o 2 % e o 8 % do valor da vivenda correspondente. Será obrigatoria a adxudicación en réxime de arrendamento cando os ingresos ponderados da unidade familiar ou convivencial non superen 1,5 veces o Iprem.

Nesta última modalidade, o contrato terá unha vixencia de sete anos prorrogables por períodos anuais. A selección efectuarase mediante sorteo, que se celebrará ante notario o día dezaoito de setembro e no que se escollerán a un total de vintecinco aspirantes por orde correlativa.

Os bloques están ubicados na marxe esquerda da estrada que vai de Xarás a Artes e Corrubedo.