Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Ofértanse en Ribeira tres ciclos de FP Dual con 44 prazas a cubrir

Impartiranse no centro público integrado de formación profesional Coroso // Faranse prácticas en 10 empresas locais // Hai 595 postos en toda a provincia

O centro público integrado de formación profesional Coroso, de Ribeira, contará cun total de 44 prazas en ciclos formativos de FP Dual, con prácticas en dez empresas da comarca. Así o anunciaba onte o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro, que xunto ao alcalde de Ribeira, Manuel Ruíz Rivas, visitou a fábrica de conxelados Ángel López Soto, unha das encargadas de impartir este ano a formación dual de FP do centro.

Rodeiro informou de que a Consellería de Educación contempla para o vindeiro curso un total de 12.384 postos en primeiro curso en centros públicos da provincia da Coruña, en 510 ciclos e programas formativos autorizados. Delas, 8.907 forman parte do réxime ordinario (3.410 en grao medio, 3.805 en grao superior, 1.368 en FP Básica e 324 en programas dirixidos a persoas con necesidades específicas de atención educativa). Outras 1.882 son do réxime modular para adultos (895 en grao medio e 987 en grao superior), e 1.000 do réxime modular a distancia (450 en grao medio e 550 en superior).

No tocante á FP Dual ofrécense un total de 595 prazas na provincia (271 en grao medio e 324 en superior). A principal novidade é a incorporación á oferta de 35 novos proxectos, o que supón un 59% máis dos que entraron en funcionamento na provincia no 2018-19.

O CIFP de Coroso en Ribeira presenta 3 ciclos de FP Dual en empresas, dous deles no de grao medio en Elaboración de produtos alimentarios e un no ciclo de grao superior en Mantemento de instalacións térmicas e de fluídos. En total hai 44 prazas.

Neste centro de formación os dous novos cursos de elaboración de produtos alimentarios realizaranse en colaboración coa empresa Ángel López Soto S.L. e con Salica, Alimentos congelados. O de mantemento de instalacións térmicas e de fluídos con Aluminios Cortizo, Amegrove S: Coop Galega, Ángel Lopez Soto S.l., Conservas Ría de Arousa S.L, Ignacio Gónzalez Montes S.A., Rotogal S.A, Santiago Manuel Radio García e Tecfrisa Instalaciones e Ingeniería S.L. Deste xeito foméntase a incorporación destas ensinanzas a sectores estratéxicos e punteiros.

{ A OLLADA }

Implicar aos empresarios

a fp dual logra combinar a formación nos centros educativos coas prácticas en empresas adheridas a estos programas. Trátase por conseguinte dunha modalidade de estudo que, a diferenza da FP tradicional, fai partícipe ao tecido empresarial da formación dos futuros profesionais. Ademais permite que os centros adapten as ensinanzas ás demandas do mercado laboral e á realidade socioeconómica. É un boa nova que a Xunta faga unha clara aposta na provincia por aumentar a oferta deste tipo de ciclos, xa que, atrás quedan os temores dos estudantes de non saber o que lles agarda fóra unha vez saen das aulas nas que estiveron "pechados".

O PROTAGONISTA

Ovidio Rodeiro

Delegado territorial da Xunta "é o modelo FORMATIVO do futuro"

Ovidio Rodeiro lembrou que "a FP Dual é o modelo de formación de futuro, no que o alumnado pode formarse e vivir á vez a realidade dun centro de traballo, e na que a empresa se involucra tanto no propio currículo do ciclo como na formación complementaria do estudante". Recalcou que "esta oferta é unha das apostas da Xunta para impulsar a empregabilidade e para axustar a formación profesional ás necesidades dos sectores produtivos locais". Engadiu que "o obxectivo da programación da FP en Galicia é dar resposta ao tecido socio-produtivo de cada comarca".

cada comarca e á demanda de titulados que solicitan as empresas,

03 jul 2019 / 22:02
  • Ver comentarios
Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
Tema marcado como favorito