El Correo Gallego

Noticia 24 de 285 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Piden a xunta de seguridade de Ribeira ao subir os roubos

Dende o BNG cren que o PP non fixo nada por mellorar "un servizo tan importante"

Membros do BNG de Ribeira ofreceron onte unha rolda de prensa - FOTO: BNG
Membros do BNG de Ribeira ofreceron onte unha rolda de prensa - FOTO: BNG

MARTA TORRES  | 19.11.2019 
A- A+

A oleada de roubos que nos últimos meses sufriron moitos negocios e mesmo particulares no Concello de Ribeira está xerando moita inseguridade entre a veciñanza. O voceiro do BNG ribeirense, Xosé Vázquez Cobas, afirmou que "a falta de efectivos na policía local e nacional é sobradamente coñecida, distando moito do que a normativa vixente estima como recomendábel, cuestión que os ladróns aproveitan para beneficio propio".

Respecto a isto, dende o grupo nacionalista aseguraron que "malia que as directivas da Unión Europea recomendan contar cun número de 1,8 axentes por cada 1.000 habitantes, Ribeira atópase lonxe desa cifra, ao contar cun cadro de policías moi minguado". Relacionando a poboación da capital barbanzana coas cifra mencionadas "deberíamos contar con 49 axentes", puntualizaron.

Asemade, Vázquez Cobas resaltou que Santa Uxía "é unha cidade de servizos e cuxa poboación flotante diaria é moi superior ao padrón municipal, ao que se lle suma o incremento en datas estivais por mor do turismo".

Nesta liña, o BNG puxo de manifesto que "cando se aprobou a Relación de Postos de Traballo (RPT) de maneira unilateral por parte do PP", xa denunciaran que non se recollía a dispoñibilidade horaria que viñan prestando anteriormente os axentes da policía local, "co cal ía resultar difícil cubrir baixas, servizos especiais e mesmo aumentar o servizo nocturno".

Para o voceiro nacionalista "o labor que realiza a Policía Local é positivo mais só conta con 20 axentes efectivos, co que resulta imposíbel garantir a seguridade en todo o municipio". Dende a formación acusan aos populares desta situación, pois consideran que "o desleixo do Partido Popular con este tema é notorio pois non fixo nada para mellorar un servizo tan importante para a poboación como é a seguridade pública malia as continuas denuncias por roubos e inseguridade".

Por todo o exposto, o BNG solicita que se convoque inmediatamente a xunta de seguridade local para afrontar a vaga de roubos que padece Ribeira e para que se tomen medidas para garantir a seguranza de comercios e vivendas.

Ademais, a formación frentista tamén demanda que o Concello, en coordinación coa Policía Nacional, "aumente as patrullas e os percorridos que fai a Policía Local como medida de garantir unha maior presenza policial na rúa e contribúan a aumentar a seguridade polas noites", sinalaron dende o BNG.