El Correo Gallego

Noticia 160 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Ribeira acolle 4 seminarios este mes para maiores de 50

Serán sobre xeografía costeira, o cine como linguaxe, as herdanzas e a economía circular

SUSO SOUTO RIBEIRA  | 04.04.2019 
A- A+

A vicerreitora de Titulacións da USC, Victoria Otero Espinar, e o alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, presentaron onte unha nova edición dos cursos gratuítos Camiños de Coñecemento e Experiencia, que terán lugar este mes no centro cultural Lustres Rivas e que van destinados a maiores de 50 anos.

Haberá catro seminarios e todos serán de 16.30 a 18.00 horas. O primeiro versará sobre as herdanzas (Dereito galego e estatal) e será impartido os días 8 e 24 por Xaime Manuel Requeixo, profesor da Facultade de Dereito. O segundo, sobre a economía circular, terá lugar os días 10 e 11 e os profesores serán Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, catedráticos de Enxeñaría Química.

O terceiro abordará o cine como linguaxe. Será os días 16 e 22 e correrá a cargo de Álvaro Dosil Rosende, do grupo de investigación Terceira Xeración. E o cuarto, adicado á xeografía física da costa galega, terá como docente a Juan López Bedoya, profesor da Facultade de Xeografía e Historia. O 26 haberá un roteiro guiado polo litoral.

Por outra banda, Ribeira será a primeira sede extramuros permanente do IV Ciclo Universitario para a formación de persoas maiores. O lugar elixido polo Concello é o edificio da Unidade Asistencial a Drogodependencias, que vai ser rehabilitado.