El Correo Gallego

Noticia 81 de 234 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Ribeira acolle dende o xoves a feira mariñeira Artemar

Instalaranse cen postos por todo o centro da cidade // Haberá teatro nas rúas, obradoiros, música e exhibicións artísticas

Os concelleiros María Sampedro e Ramón Doval presentaron onte a feira - FOTO: C.R.
Os concelleiros María Sampedro e Ramón Doval presentaron onte a feira - FOTO: C.R.

SUSO SOUTO RIBEIRA   | 13.08.2019 
A- A+

A feira artesanal e mariñeira Artemar regresará a Ribeira este xoves con preto dun cento de stands que nesta edición variarán lixeiramente a súa ubicación para acentuar a súa integración ca humanización da cidade. A cita, que se prolongará ata o domingo, foi presentada polos concelleiros de Cultura, María Sampedro, e Turismo e Comercio, Ramón Doval.

Os postos estarán situados na rúa Rosalía de Castro, dende a súa confluencia ca de Lugo ata a encrucillada ca de Galicia, así como nesta, dende o Cruceiro da Saúde ata o museo, na praza consistorial e nas rúas Santa Uxía e Lustres Rivas. Haberá diversidade de produtos de alimentación, artesanía, coiro, alfaias, xoguetes, especias, instrumentos musicais, perfumaría, etc., chegados de varios puntos da xeografía española e de países como Portugal, Marrocos, Túnez Arxentina ou México.

O certame estará animado cunha variada programación en canto a actividades de pequeno e gran formato, como contacontos, teatro ó aire libre, ruadas con música tradicional, xogos infantís, obradoiros, exhibicións artísticas etc. Para os establecementos hostaleiros haberá concursos de escaparatismo e decoración e ruta de tapas.

Nas vías afectadas, o acceso ó tráfico estará restrinxido dende o mediodía ata as tres da tarde e dende as seis ata a medianoite, salvo para as emerxencias.