El Correo Gallego

Noticia 13 de 207 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Ribeira acolle unha mostra de 24 artistas coruñeses e un taller infantil de inglés

Co título 'Encontros', a exposición poderase visitar no centro cultural Lustres Rivas

SUSO SOUTO RIBEIRA   | 19.06.2019 
A- A+

Un total de 24 creadores pertencentes á Asociación de Artistas da Coruña van expoñer conxuntamente as súas obras a partir deste venres no centro cultural Lustres Rivas de Ribeira coa colección que leva por título Encontros. A mostra, incluída na programación do Xuño da Cultura e as Artes, inaugurarase ás 21.00 horas.

Pode visitarse ata o 27 de xullo, de luns a venres, de 10.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00 e, os sábados, de 11.00 a 14.00 e de 19.00 a 21.00.

Dito colectivo foi fundado en 1934 por persoas vinculadas ao mundo da arte, entre as que cabe destacar a José Seijo Rubio, Fernando Álvarez de Sotomayor, Francisco Llorens, Dolores Díaz Baliño e Rafael González Villar. Case desde a súa fundación tivo a súa sede e sala de exposicións na coruñesa rúa Rego de Auga, onde desenvolveu un inxente labor de fomento e divulgación da arte galega, realizando un gran número de exhibicións e actividades. Pola sala pasaron, entre outros, Díaz Pardo, Colmeiro ou Laxeiro.

Por outra banda, o programa cultural ribeirense inclúe tamén, para a xornada de hoxe, o obradoiro denominado Xogos en inglés, na praza de Pablo Neruda, de cinco a sete da tarde, para nenos e nenas de tres a oito anos, así como o festival de fin de curso do colexio Galaxia (no auditorio ás seis da tarde).