El Correo Gallego

Noticia 172 de 210 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Ribeira modifica o funcionamento dos semáforos para darlle fluidez ó tráfico

Ó abrir para peóns xa se poñen en ámbar e os coches avanzan se ninguén está cruzando

S. S.   | 10.03.2019 
A- A+

Ribeira. Coa fin de axilizar a circulación de vehículos pola avenida do Malecón, o Concello de Ribeira vén de introducir nos últimos días unha serie de cambios na regulación semafórica que redundarán na fluidez do tráfico rodado da principal arteria urbana.

Tales alteracións no funcionamento dos dispositivos afectan a tres dos catro grupos desas instalacións existentes na citada vía: concretamente, os situados a carón da actual terminal de autobuses, á altura da nova sede de Correos e diante do coñecido como edificio da Caixa de Aforros. As variacións efectuadas consisten en que, unha vez que a sinalización indica coa cor verde o paso para os peóns, no caso dos vehículos cambia de vermello a ámbar para que poidan seguir circulando cando non haxa viandantes cruzando a estrada (de tal xeito que, cando o de peóns muda a vermello, o de vehículos torna de ámbar a verde).

"As primeiras xornadas con esta modificación están a evidenciar un bo resultado das medidas emprendidas, con maior fluidez circulatoria e evitando retencións na avenida", sinalou ó respecto desta iniciativa o alcalde ribeirense, Manuel Ruiz Rivas.

O único grupo semafórico que permanece como ata agora (vermello para os vehículos durante todo o tempo en que permanece verde para os transeúntes) é o situado na confluencia do Malecón coa zona peonil da rúa de Rosalía de Castro, ao ser un lugar cun movemento de persoas denso.

A fachada marítima urbana atópase inmersa nun profundo proceso de transformación integral, que despois do verán afectará á avenida das Carolinas.