El Correo Gallego

Noticia 122 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Ribeira oferta máis de trinta actividades no Maio Cultural

SUSO SOUTO RIBEIRA  | 02.05.2019 
A- A+

Exposicións, contacontos, concursos literarios, teatro e moitas outras iniciativas (ata un total de 36) conforman este ano a programación do Maio Cultural de Ribeira, na que se atopan propostas para todos os públicos e idades.

O primeiro acto terá lugar mañá ás 19.00 horas. Trátase da homenaxe ó musico local Enrique Paisal, cuxo nome pasará a levar o conservatorio. E o sábado inicia a súa ruta polas parroquias (cunha primeira parada no centro social de Oleiros ás 11.30 e outra no recreativo de Artes ás 17.00) a caravana do Festivaliño, un festival de cine infantil inclusivo. Ademais, terá lugar na Praza da Porta do Sol dende as 20.45 o III Festival Interritmos de baile e música tradicional.

O programa inclúe tamén o Intercambio Escolar do Eixo Atlántico, en virtude do cal alumnos de Portugal visitarán o municipio os días 9 e 10, para logo exercer eles de anfitrións de estudantes do colexio O Grupo no país veciño.

Nos vindeiros días haberá tamén no auditorio o Concerto das Letras Galegas (o día 11, ás sete e media da tarde), coas corais municipal e da Illa de Arousa, e o espectáculo para público infantil e familiar Os romeiros do caracol, o venres 17, ás sete da tarde, a cargo de Fantoches Baj, que plantexa unha viaxe imaxinaria polos cantos e contos recollidos por Antonio Fraguas.

O domingo 19 será o festival da agrupación folclórica Cantigas e Agarimos (ás 18.00) e actuará a Rondalla de Aguiño (ás 19.30).