El Correo Gallego

Noticia 209 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Ribeira vai ter no verán liña de bus á praia do Vilar

Financiarase a ruta coa tarxeta do plan Move, que a teñen xa 1.504 usuarios do grupo Ferrín

O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, na presentación do balance do Plan de Transporte Urbano Ribeira Move - FOTO: C.R.
O alcalde de Ribeira, Manuel Ruiz, na presentación do balance do Plan de Transporte Urbano Ribeira Move - FOTO: C.R.

SUSO SOUTO RIBEIRA   | 08.03.2019 
A- A+

O goberno local de Ribeira vai habilitar o vindeiro verán unha nova liña de autobús ata a praia do Vilar na que tamén serán utilizables as tarxetas regular e escolar do Plan de Transporte Urbano Ribeira Move.

Un sistema que, pasados catro meses dende a súa posta en marcha en outubro de 2018, permitiu a realización dun total de 55.392 viaxes subvencionados e propiciou un aforro de 42.798,20 euros para os petos dos veciños do municipio barbanzán.

Dado que se trata dunha liña local, o Concello non necesita autorización da Xunta e, tras consultar a proposta ca empresa afectada (o Grupo Ferrín), ésta amosouse favorable, aínda que puxo unha condición: que se xestine cos xestores do Parque Natural a prohibición de que os vehículos poidan estacionar nas inmediacións da rotonda de acceso á praia, pois, do contrario, os autobuses non poderían manobrar alí para dar a volta.

E, como consecuencia do éxito constatado, o executivo vai poñer en marcha outra nova medida, consistente na ampliación do uso da tarxeta Riveira Move escolar tanto aos fins de semana como a días festivos e vacacións, como Semana Santa e o verán, época esta última na que se pretende habilitar ademais a nova ruta ata o mencionado areal. Neste caso, beneficiaríanse do devandito plan de transporte todos os usuarios que así o desexen.

A día de hoxe, xa foron expedidas 1.504 tarxetas, que supoñen que máis do 65% dos usuarios do transporte da citada empresa na comarca dispoñan da súa, pero, descontando aqueles viaxeiros que se estima fan uso do servizo no entorno da Pobra, esta proporción elevaríase a máis do 80% na localidade ribeirense.

O alcalde, Manuel Ruiz, amosouse satisfeito por estes datos ("melloraron as nosas expectativas", dixo) e anunciou que, no canto de limitar a utilización da tarxeta escolar de luns a venres en época lectiva e sen ningún custe a maiores para a administración local, os mozos poderán empregala os 365 días do ano, ampliando o seu uso a fins de semana, días festivos e vacacións como Semana Santa, verán ou Nadal, cun prezo por viaxe de unicamente 67 céntimos.

O número de familias beneficiadas polo plan de fomento do transporte público nos colexios concertados (Bayón, A Milagrosa e Sagrado Corazón de Castiñeiras) ascende a 124 e, no tocante aos mozos e mozas que se desprazan a outras zonas para realizar estudos universitarios, o número de bonificados é de 118.

Dende o departamento de Servizos Sociais subministráronse o ano pasado 1.136 billetes de bus gratuítos para axudar a persoas en risco de exclusión nos seus desprazamentos.

Desgregando o balance por liñas, a de Aguiño-Ribeira-A Pobra pasou de 7.307 viaxes financiados en outubro (4.957 coa tarxeta regular azul de 1 € e 2.350 coa escolar verde de 0,67 €) a 13.199 en xaneiro (8.907 e 4.292), o que supón un incremento do 80,64%.

Na de Artes-Corrubedo-Bretal, de 1.478 (893 coa tarxeta azul e 585 coa verde) aumentouse a 2.158 (1.382 e 776), o que representa un 46,01% máis.

E na de Oleiros-Hospital-Xarás, de 556 viaxes en outubro (214 e 342) pasouse a un total de 980 (370 e 610). É dicir: un 76,26% máis.