El Correo Gallego

Noticia 3 de 305 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Ribeira xa permite pagar os impostos municipais online

Non se enviarán ás casas recibos en papel, para eliminar 50.000 impresións e aforrar 30.000 €

A concelleira Ana Barreiro informando dos avances en administración electrónica - FOTO: C.R.
A concelleira Ana Barreiro informando dos avances en administración electrónica - FOTO: C.R.

SUSO SOUTO   | 06.03.2020 
A- A+

Os cidadáns de Ribeira xa poden consultar online os seus recibos e, incluso, no caso de que non os teñan domiciliados, pagalos sen necesidade de acudir ao consistorio ou a unha entidade financeira, cunha simple tarxeta bancaria de débito ou crédito. Así o anunciou onte a concelleira de Innovación Tecnolóxica e Transparencia, Ana Barreiro, quen explicou os principais avances que se están a impulsar no Concello en materia de administración electrónica.

Así, para tal fin xa está habilitada na páxina web oficial (www.ribeira.gal) un novo apartado denominado Os teus recibos a un click, no que os contribuíntes poden acceder e consultar o estado dos seus impostos de vehículos, lixo, auga e alcantarillado introducindo unha serie de datos, como DNI/CIF ou o número de recibo e o seu importe.

Xa que logo, non se require autenticación con certificado dixital ou DNI electrónico. O sistema mesmo permite o pago de recibos que están en recadación executiva.

A edil tamén comunicou que se deixarán de enviar aos fogares os recibos en papel destes tributos, o que permitirá eliminar unhas 50.000 impresións anuais e aforrar uns 30.000 euros.

Asimesmo, tamén se ofrece a posibilidade de xestionar, calcular e pagar autoliquidacións a través da sede electrónica: prezo público de actividades culturais, cambio de titularidade en aperturas, matrículas da Escola de Música, dereitos de exame, expedición de documentos, ICIO, informacións urbanísticas, licencias de primeira utilización, expedición de licencias de taxi e de cemiterio, uso de instalacións deportivas e taxa por ocupación de subsolo, solo e voo.