El Correo Gallego

Noticia 47 de 241 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

San Cristovo encherá de vehículos a cidade ribeirense o próximo día 7

Dedicarán a misa a Sara e Abraham, a parella que faleceu nun tráxico accidente

Pola esquerda, Carreira, Sampedro e Mera - FOTO: ECG
Pola esquerda, Carreira, Sampedro e Mera - FOTO: ECG

M. C.   | 02.07.2019 
A- A+

Por oitava ocasión dende que fora recuperada no ano 2012 pola asociación Alfaia, o vindeiro domingo 7 de xullo regresará ás rúas de Ribeira a tradicional procesión de San Cristovo, cuxo itinerario foi presentado onte na casa consistorial pola concelleira de Cultura, María Sampedro; o párroco de Santa Uxía, Alfonso Mera; e a vicepresidenta da entidade ribeirense, María José Carreira.

Comezará a xornada ás 11.00 horas coa actuación do grupo de gaitas Xiada polas rúas da capital barbanzana e concentración de vehículos no Malecón.

Unha horas máis tarde, ás 12.00, haberá unha misa solemne na igrexa da cidade, cantada pola Coral Polifónica do Círculo Mercantil de Ribeira. Nesta liturxia lembraranse ás vítimas de accidente de tráfico e en especial estará dedicada a Sara e Abraham, falecidos o pasado mes de maio nunha colisión en Palmeira.

Acto seguido terá lugar a procesión, con acompañamento da imaxe de San Cristóvo dos clubs Os Reventapistóns e Galicia Garage, que pasará pola rúa Galicia e Romero Ortiz ata o Malecón, onde terá lugar a bendición dos vehículos e posterior percorrido polas rúas principais: García Bayón, Padín, Lepanto, Miguel Rodríguez Bautista, Alcalde Fernández Bermúdez e Galicia, ata regresar ao templo parroquial.