El Correo Gallego

Noticia 158 de 240 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Sanidade extende a cirurxía laparoscópica ao Barbanza

Estreouse en setembro na comarca para pacientes con cancro colorrectal, que xa non teñen que acudir ó Clínico de Santiago

Pola esquerda, Héctor Núñez, Jesús Paredes, Marta López, Bustamante e Paz - FOTO: Xunta
Pola esquerda, Héctor Núñez, Jesús Paredes, Marta López, Bustamante e Paz - FOTO: Xunta

SUSO SOUTO RIBEIRA  | 04.04.2019 
A- A+

A Unidade de Coloproctoloxía do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva da Xerencia de Santiago (cuxos responsables son o doutor Jesús Pedro Paredes e Manuel Bustamante, respectivamente) estendeu as intervencións laparoscópicas para o cancro colorrectal ao hospital comarcal do Barbanza, garantindo así as mesmas posibilidades de tratamento con respecto aos pacientes do Clínico, sen necesidade de desprazarse a Compostela.

Este tipo de cirurxía é unha técnica que se practica mediante pequenas incisións, coa asistencia dunha cámara que permite a visualización do campo operatorio, sendo hoxe en día o sistema de elección para o tratamento da maioría dos pacientes con tumores de orixe colorrectal.

Aproveitando a experiencia acumulada nese eido no citado tipo de cancro do complexo sanitario da capital de Galicia, e sempre mediante a supervisión da unidade de coloproctoloxía do Servizo de Cirurxía da XXIS, neste momento os pacientes da área barbanzá son intervidos mediante as últimas metodoloxías sen necesidade de afastarse do seu contorno próximo.

As vías de diagnóstico e valoración son comúns, sendo todos os pacientes valorados no Comité Multidisciplinar de Tumores Dixestivos nunha reunión semanal. Nesta xuntanza, os casos seleccionados que pertenzan a mencionada área xeográfica son intervidos na súa maioría mediante o emprego de técnicas laparoscópicas que garanten a máxima seguridade no tratamento do seu proceso tumoral e con grande cantidade de beneficios adicionais para o doente.

Entre eles figuran menor agresión da intervención e menor resposta inflamatoria e un postoperatorio menos traumático, que supón unha mellor e máis curta recuperación, tanto dende o punto de vista físico como, incluso, dende o psicolóxico.

Até o momento actual, dos pacientes presentados no devandito órgano foi posible intervir a todos menos a un (en total 6, dende que se comezou a aplicar este método no centro hospitalario ribeirense o pasado mes de setembro), mediante cirurxía laparoscópica.

Ademais, esta posibilidade do tratamento minimamente invasivo pódese empregar tamén para o tratamento en pacientes con outro tipo de patoloxías benignas, como a enfermidade diverticular ou pólipos non susceptibles de afrontar con colonoscopia.

IMPLICACIÓN

Exitosa colaboración.

Para o xefe do Servizo de Cirurxía Xeral e Dixestiva da Xerencia de Santiago de Compostela, o doutor Manuel Bustamante, "todo este traballo é posible grazas á colaboración dos profesionais do hospital comarcal do Barbanza. En concreto, de todo o persoal adscrito á área cirúrxica, polo seu esforzo e implicación neste importante proxecto", sinalou.