El Correo Gallego

Noticia 32 de 291 noticia anterior de Ribeira Área de Compostela » Ribeira

Santa Uxía vai a acoller a entrega do XLV Premio Modesto R. Figueiredo

Aberto o prazo para a presentación dos traballos ata o día 20 do vindeiro mes

M. T.   | 22.10.2019 
A- A+

O Concello de Ribeira colabora coa Fundación do Padroado Pedrón de Ouro na organización da XLV edición do certame galego de narracións breves Premio Modesto R. Figueiredo, un dos máis prestixiosos concursos da literatura galega contemporánea con gañadores da talla de Xosé Luis Méndez Ferrín, Xavier Alcalá, Víctor Freixanes, Miguel Anxo Fernán Vello, Tucho Calvo, ou Carlos G. Reigosa, entre moitos outros.

O prazo de presentación de obras está aberto ata o 20 de novembro. Poden participar todos os autores de calquera nacionalidade, cun ou máis traballos, sempre que estean escritos en lingua galega, sexan inéditas e non se presentasen antes a ningún outro concurso literario. Terán ademais unha extensión mínima de cinco e un máximo de trinta páxinas.

Estes deberán enviarse por quintuplicado sen remite ben á Fundación do Padroado do Pedrón de Ouro (Apdo. de Correos 627, Santiago de Compostela) ou ben ao Concello de Ribeira (praza do Concello nº1, 15960 Ribeira).

A obra gañadora será premiada con 1.000 euros. Porén, se o xurado considera de calidade outras, dúas delas máis poderán obter segundos premios que serán de 400 euros. A entrega terá lugar nun acto que será organizado polo Concello ribeirense.