El Correo Gallego

Noticia 24 de 277 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O alcalde presidiu a inauguración do centro superior de música, "un soño feito realidade" para Valga

O acto, celebrado onte no Auditorio, contou coa asistencia do delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís // “Moitos pensaban que este proxecto era unha tolería, pero con ilusión todo se consegue”, dixo o director Manuel Villar

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 23.11.2019 
A- A+

Coincidindo co día de Santa Icía, patroa dos músicos, inaugurouse onte no Auditorio Municipal o Centro Superior de Música de Valga (CSM Galicia). O acto estivo presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e o delegado territorial da Xunta, José Manuel Cores Tourís. Asistiron, tamén, a concelleira delegada da Escola de Música, Malena Isorna, e demais compoñentes do equipo de goberno, así coma outros membros da Corporación, representantes dos centros de ensino de Valga, asociacións e moitos veciños que aplaudiron o nacemento deste ilusionante proxecto que pon, unha vez máis de manifesto, a aposta decidida do Concello de Valga pola cultura.

Bello Maneiro destacou que contar cun centro de ensinanzas superiores de música é, para Valga, “un soño feito realidade”, tendo en conta que só as dúas principais cidades de Galicia, A Coruña e Vigo, contaban ata o de agora con centros deste nivel. “Non queremos competir con elas, pero estou seguro de que de aquí van saír grandes profesionais, os músicos mellor formados”. O rexedor referiuse a aposta que o seu goberno leva facendo dende hai máis de 28 anos pola cultura, inicialmente coa construción de locais sociais e culturais en todas as parroquias e posteriormente coa creación da Escola de Música e a construción do Auditorio. A consecución do conservatorio é o colofón a esta traxectoria.

En representación da Xunta de Galicia, o delegado Cores Tourís afirmou que “a partir de hoxe Valga é a capital musical de Galicia” e recoñeceu que “dende o momento que o alcalde me plantexou o proxecto sabía que iba a conseguir que fose unha realidade”.

CSM Galicia ofrece estudos superiores oficiais das seis especialidades: interpretación, pedagoxía, musicoloxía, composición, dirección e produción e xestión. Os tres socios fundadores do centro, Manuel Villar (director), Pere Molina (codirector), e María Jesús Rey (xerente) coincidiron en amosar a súa ilusión e entusiasmo no proxecto, que se ben tivo o beneplácito da Xunta para abrir as portas en agosto, xa conta con 40 alumnos de dentro e fóra das nosas fronteiras.

Na súa intervención, Manuel Villar afirmou que “moitos pensaban que tentar levantar un Centro Superior de Música en Valga era unha tolería, pero con ilusión pódese conseguir calquera cousa. Estamos poñendo a Valga no centro do panorama musical internacional”. O codirector, Pere Molina, engadiu que “contamos cunha instalacións á altura dos grandes conservatorios internacionais, nun entorno tranquilo e céntrico en Galicia, ideal para inspirar aos novos talentos”. No trancusrso do acto tamén tomaron a palabra Javier Morgade, xefe de estudos, e Cristóbal Soler, profesor de Dirección. Este último vén de dirixir no mes de outubro o concerto dos Premios Princesa de Asturias.

Na inauguración non faltou a música, que correu a cargo de Yuri Durán e Martín Chaves, alumnos de primeiro e segundo de piano, respectivamente; e dos profesores Adrián Pais (saxofón), Alejandro Salgueiro (fagot), Paula Gago (repertorio con piano), Javier Morgade (clarinete) e Anna Mélikhova (canto).