El Correo Gallego

Noticia 91 de 320 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O alcalde reuniuse co Presidente da Xunta a para solicitarlle o respaldo a “proxectos importantes para o futuro de Valga”

Bello Maneiro demandou ao presidente un parque empresarial para poder atender a demanda de solo por parte das industrias // Os dous mandatarios valoraron a posible reforma do colexio de Baño e a posta en marcha dun proxecto piloto de concentración parcelaria

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 26.10.2019 
A- A+

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, recibiu a semana pasada no seu despacho de San Caetano ao alcalde, José María Bello Maneiro, con quen abordou distintos proxectos e actuacións que están pendentes de executar no municipio por parte de varias consellerías e departamentos da administración autonómica.

O rexedor solicitoulle implicación da Xunta para conseguir sacar adiante estes proxectos que son “importantes para o futuro de Valga”.

Bello Maneiro informou ao presidente da situación do municipio en canto ao solo industrial, que está esgotado. “Valga non conta actualmente nin cun metro cadrado de terreo de uso industrial. O único solo dispoñible é propiedade dalgunhas empresas xa asentadas no municipio para poder garantir o seu crecemento futuro, pero carecemos de terreo algún para poder atraer a novas industrias”, remarca o alcalde. “Valga é unha localidade con moito tecido empresarial, con empresas importantísimas e de referencia a nivel mundial e, por iso, para o desenvolvemento futuro do municipio resulta imprescindible dispoñer dun parque empresarial no que poder ofrecer terreo ás industrias que o demandan, tanto ás actuais como outras empresas auxiliares que queren asentarse en Valga”.

Outra das solicitudes que o alcalde lle plantexou a Núñez Feijóo foi a reforma do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza (o colexio de educación Infantil e Primaria máis antigo e de maior capacidade de Valga) e os dous mandatarios valoraron tamén a posibilidade de poñer en marcha no municipio un proxecto piloto de concentración parcelaria.

A próxima instalación dun novo pantalán no río Ulla, no lugar de Campaña, centrou asimesmo parte da xuntanza. Esta actuación correrá a cargo de Portos de Galicia e conta cun orzamento de 275.000 euros. Bello Maneiro instou ao presidente a axilizar a licitación das obras para que poidan comezar antes de que remate este ano.

O alcalde aproveitou o encontro co presidente para presentarlle os proxectos de recuperación da antiga liña de vagonetas de transporte de arxila entre o río Ulla e a Mina Mercedes, unha iniciativa que daría un pulo substancial ao sector turístico en Valga, e de posta en valor das minas Mercedes e Porto Piñeiro, continuando na senda de rehabilitar para o uso social o patrimonio mineiro existente na localidade.