El Correo Gallego

Noticia 149 de 214 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O alcalde de Valga clausurou a exposición "Pintando ilusións" que se viu no auditorio durante o mes de abril

As camelias e paisaxes de Valga son as protagonistas das obras da artista local // En maio haberá outras dúas mostras: “Infancia Crea”, con obras do alumnado de catro colexios, e “Pintando as nosas letras”, do Campus Sénior

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 30.04.2019 
A- A+

O alcalde, José María Bello Maneiro, acompañou á artista local Rosa Crespo na clausura da súa exposición “Pintando ilusións”, que permaneceu no Auditorio Municipal durante o mes de abril. Ao acto tamén asistiron as concelleiras Carmen Gómez e Begoña Piñeiro, así como un grupo de socias do colectivo de Mulleres Rurais “Albor”, que preside a propia Rosa Crepo e no que imparte clases de pintura.

“Pintando ilusións”, que en próximas datas percorrerá outros concellos de Galicia, une dúas das principais afeccións da artista, a pintura e as camelias, que cultiva dende hai máis de 25 anos. A denominada “flor de Galicia” protagoniza boa parte das 26 obras, outorgándolle á mostra un colorido que é característico da pintura de Rosa Crespo.

Predomina o realismo, aínda que tamén inclúe un par de ensaios de pintura abstracta e destacan, así mesmo, un cadro con textura pintado sobre tela de saco e outro que mistura a técnica do óleo co repuxado en aluminio. En canto ás temáticas, ademais de inspirarse nas camelias, a pintora reproduce nas súas obras paisaxes de Valga, como o Parque Irmáns Dios Mosquera ou as fervenzas.

Rosa Crespo explicou durante o acto de clausura que “cada minuto que dedico á pintura é unha satisfacción para min. Evádome dos problemas, pásoo de marabilla e a miña maior alegría e que o que fago lle guste á xente”. O alcalde felicitouna polo seu “impresionante traballo como artista” e animouna a continuar transmitindo a súa “experiencia coa pintura” a outras persoas.

Durante o próximo mes de maio o Auditorio Municipal acollerá outras dúas exposicións. Entre os días 2 e 15 poderá verse “Infancia Crea”, unha mostra promovida pola escola de pintura Adeval e as ANPAS dos colexios Xesús Ferro Couselo, Baño-Xanza, CPI Pontecesures e CRA de Valga que reúne obras do alumnado destes catro centros.

Na segunda quincena do mes, do 16 ao 31 de maio, tomará o relevo “Pintando as nosas letras”, a cargo dos participantes no Campus Sénior.