El Correo Gallego

Noticia 29 de 277 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Alumnado do Colexio de Baño participa nun obradoiro de reaproveitamento téxtil con motivo da semana europea da prevención de residuos

Na actividade participaron 34 estudantes de 4º de Primaria que crearon bolsas para a compra empregando vellas camisetas // Concienciar sobre a reciclaxe e a reutilización de materiais foi o obxectivo do taller, que se desenvolveu no CODI

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 19.11.2019 
A- A+

Alumnado do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza participou esta mañá nun obradoiro de reaproveitamento téxtil que tivo lugar no CODI con motivo da celebración da Semana Europea da Prevención de Residuos.

Na actividade participaron un total de 34 escolares de 4º curso de Educación Primaria que comprobaron como é posible dar un novo uso a prendas que non lles serven e que xa non utilizan. Empregaron camisetas para convertelas en bolsas sen necesidade de ningunha costura, só realizando cortes na prenda e facendo nós.

As dúas monitoras que guiaron o traballo explicáronlles tamén aos estudantes como facer unha mochila ou como reconverter retais en accesorios para o cabelo.

Sensibilizar e concienciar sobre a prevención de residuos, a reutilización de produtos e a reciclaxe de materiais foron os obxectivos deste obradoiro, enmarcado no proxecto piloto de reutilización e autorreparación de roupa, mobles e pequenos electrodomésticos que se puxo en marcha no mes de outubro no CODI por iniciativa da Consellería de Medio Ambiente e coa colaboración do Concello de Valga.

Son tres os obradoiros –carpintería, costura e reparación de pequenos electrodomésticos– que semanalmente se desenvolven no CODI e que son de participación gratuíta para toda a cidadanía, que ten á súa disposición monitores especializados en cada materia e as ferramentas necesarias para realizar os traballos. Os días e horarios de cada taller son os seguintes:

  • Téxtil: os martes de 10 a 12 horas
  • Carpintería: os mércores de 10 a 12 horas
  • Electrodomésticos: os xoves de 10 a 12 horas