El Correo Gallego

Noticia 140 de 170 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Alumnado do colexio de Baño planta 120 árbores autóctonas no monte de Vilares

A actividade foi promovida polos comuneiros de San Miguel con motivo do Día Forestal Mundial // Involucrar aos rapaces no coidado do medio natural é o obxectivo desta iniciativa, que cumpriu a súa oitava edición

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 18.03.2019 
A- A+

Trinta e nove escolares de 5º curso de Primaria do CEIP Plurilingüe Baño-Xanza participaron esta mañá nunha plantación de árbores con motivo do Día Forestal Mundial, organizada pola Comunidade de Montes de San Miguel e o Servizo Provincial de Montes e que contou, asemade, coa colaboración do Concello de Valga. A actividade tivo lugar no lugar de Vilares, nunha zona próxima ao núcleo de vivendas para crear así unha franxa forestal ao seu arredor.

Os rapaces, divididos en grupos, plantaron 120 árbores de especies autóctonas: 75 castiñeiros, 25 carballos e tamén pradairos e liquidámbar. Ademais aprenderon a facer inxertos. Á plantación asistiron representantes das distintas comunidades de montes de Valga e da ANPA do colexio de Baño. Participou, ademais, persoal das cuadrillas do Distrito Forestal XIX, que fixeron unha exhibición de medios anti incendios.

Este é o oitavo ano que os comuneiros de San Miguel promoven esta actividade de concienciación medioambiental. “É unha experiencia boa para os rapaces, unha maneira de involucralos no coidado do monte e das árbores”, destaca Manuel Aboi, presidente da Comunidade de Montes. Ao seu xuízo, un dos principais problemas do monte na actualidade “somos os propios cidadáns pola nosa falta de concienciación sobre a importancia de coidar o entorno e o medio natural”.

De aí que este ano, ademais da plantación, a Comunidade de San Miguel organizara dúas charlas co alumnado de Baño sobre silvicultura e prevención de incendios, que foron impartidas a semana pasada por José Carlos Rodríguez, que foi axente forestal durante 34 anos, dez deles en Valga. Esta mañá, os comuneiros valgueses entregáronlle unha placa en agradecemento polo traballo realizado no municipio.

Trala plantación, os alumnos repuxeron forzas cun bocadillo e, a continuación, emprenderon unha breve camiñata ata o petróglifo Pedra da Serpe.