El Correo Gallego

Noticia 164 de 214 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

As camelias e paixase de Valga protagonizan a exposición "Pintando ilusións" de Rosa Crespo

A mostra pode verse no Auditorio Municipal ata o vindeiro 30 de abril // Reúne 26 cadros que teñen a cor como principal característica

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 11.04.2019 
A- A+

O Auditorio Municipal acolle ata o vindeiro 30 de abril a mostra “Pintando ilusións”, composta por 26 cadros da autoría de Rosa Crespo.

A exposición une dúas das principais afeccións da artista, a pintura e as camelias, que cultiva dende hai máis de 25 anos e que lle teñen reportado numerosos premios e recoñecementos. A denominada “flor de Galicia” protagoniza boa parte das obras, outorgándolle á mostra un colorido que é característico da pintura de Rosa Crespo. “Son cadros que, alí onde se poñan, iluminan”, explica.

“Pintando ilusións” vén de expoñerse no Museo Torres de Marín durante o pasado mes de febreiro e no Museo de Monçao (Portugal) en marzo. Predomina o realismo, aínda que tamén inclúe un par de “ensaios” de pintura abstracta que “están gustando moito”, indica a artista. Ademais, destacan un cadro con textura pintado sobre tela de saco e outro que mistura a técnica do óleo co repuxado en aluminio.

En canto ás temáticas, ademais de inspirarse nas camelias, Rosa Crespo reproduce nas súas obras paisaxes de Valga, como o Parque Irmáns Dios Mosquera ou as fervenzas. Tamén recurre, noutros casos, aos motivos mariños (barcas, redes ou conchas) ou a tradicións galegas coma a dos Maios.