El Correo Gallego

Noticia 57 de 105 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

As visitas guiadas ao Museo e ao Belén Artesanal colectaron 225 euros para a investigación do cancro infantil

Veciños de Valga e visitantes chegados dende outras localidades participaron na actividade benéfica // Os fondos serán entregados ao colectivo ourensano “Nico contra o cancro infantil”

CONCELLO DE VALGA  | 08.04.2019 
A- A+

As visitas guiadas benéficas ao Museo da Historia e ao Belén Artesanal en Movemento que tiveron lugar onte conseguiron colectar 225 euros para a investigación do cancro infantil.

Veciños de Valga e visitantes chegados dende outras localidades participaron na iniciativa solidaria organizada pola axencia Compos Tours coa colaboración do Concello de Valga a beneficio do colectivo “Nico contra o cancro infantil”, a través do cal a familia do neno ourensano Nico, diagnosticado de neuroblastoma, trata de visibilizar esta enfermidade e xunta recursos para contribuír á investigación do cancro pediátrico.

Os participantes nas visitas guidas tiveron a oportunidade de achegarse a dous dos principais recursos turísticos de Valga. No Museo da Historia foron guiados polo técnico municipal responsable das instalacións Santiago Chenlo, que lles explicou as características do territorio valgués, a historia do municipio a través dos vestixios deixados polos seus primeiros poboadores, como o petróglifo Pedra da Serpe, e dalgúns dos materiais recuperados nas excavacións arqueolóxicas realizadas nos xacementos Mercados dos Mouros e Igrexa Vella. Faloulles de acontecementos de relevancia histórica como a Batalla de Casaldeirigo e explicoulles os estilos máis destacados da arquitectura relixiosa.

Os visitantes coñeceron, ademais, os materiais expositivos que se incorporaron recentemente ao Museo, como diversos obxectos vencellados ao historiador e investigador Xesús Ferro Couselo e que foron aportados pola familia. A visita rematou cun percorrido pola traxectoria vital e artística da Bella Otero, diva da Belle Époque.

A continuación, os participantes trasladáronse ao Belén Artesanal en Movemento, unha composición declarada de Interese Turístico de Galicia pola Xunta e que durante o pasado Nadal recibiu máis de 42.000 visitas. Representantes da asociación Amigos do Belén explicáronlles as características deste nacemento que conta cunha superficie aproximada de 400 metros cadrados e supera as 4.600 figuras e edificacións, todas elas feitas de xeito artesanal.

O Belén valgués ten como principal peculiaridade a combinación de esceas propias das festas de Nadal con tradicións locais, mostras da cultura popular do rural de Galicia e a recreación de acontecementos de actualidade a nivel nacional e internacional. Isto del unha montaxe única e outórgalle un carácter diferencial.