El Correo Gallego

Noticia 18 de 352 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O AUDITORIO RECIBE A MOSTRA DE FOTOGRAFÍA “SENSACIÓNS: A VIDA E A MORTE”, DE ROSA SUÁREZ

Inclúe imaxes tomadas en Santa Marta de Ribarteme, considerada a romería máis antiga de Galicia // O venres, a partir das 20 horas, terá lugar o acto de inauguración

CONCELLO DE VALGA  | 05.02.2020 
A- A+

Coa entrada do mes de febreiro, a sala de exposicións do Auditorio Municipal renova o seu contido e recibe a mostra fotográfica “Sensacións: a vida e a morte”. A autora é Rosa Suárez, veciña de Catoira pero con raíces e familia en Valga. Seu pai era veciño de Cordeiro, parroquia na que aínda conserva moitos achegados.

A fotografía é unha afección á que Rosa adica cada vez máis tempo e esforzo. “Gústame dende hai tempo, pero nos últimos anos estou máis centrada nela e estou realizando varios cursos con mestres coma Fuco Reyes”, considerado un dos fotógrafos maís relevantes de Galicia e gañador de numerosos galardóns, entre eles varios Premios Lux.

Esta é a primeira exposición que protagoniza Rosa Suárez e está adicada a seu pai, xa falecido. De feito, a temática da mostra está relacionada co pasamento do seu proxenitor e con outras experiencias vencelladas á morte que viviu a propia Rosa: “Persoalmente tocáronme vivir unha serie de circunstancias que me afectaron, co falecemento de seres queridos e xente próxima”.

A exposición inclúe fotografías tomadas na Romería de Santa Marta de Ribarteme, considerada a romería máis antiga de Galicia e que se celebra no concello de As Neves. A procesión de cadaleitos con persoas ofrecidas no seu interior e a poxa de animais son dúas das tradicións máis senlleiras desta festa e que aparecen recollidas na mostra de Rosa Suárez, simbolizando a morte e a vida. A mensaxe que pretende transmitir é que “debemos mirar a vida doutra forma. Fixarnos máis na xente que temos ao noso arredor, convivir máis con esas persoas e valorar as relacións, a amizade e a familia”.

A mostra xa pode verse no Auditorio, onde permanecerá durante todo o mes de febreiro. O vindeiro venres, ás 20 horas, terá lugar a inauguración.