El Correo Gallego

Noticia 30 de 173 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A brigada contra incendios comez a prestar servizo e extinción de lumes forestais

O retén está integrado por cinco operarios: un xefe, un condutor e tres peóns // Hoxe están recibindo un curso de formación teórica e mañá participarán nunha xornada práctica

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 24.07.2019 
A- A+

A brigada de loita contra incendios, que un verán máis pon en marcha o Concello coa colaboración da Consellería do Medio Rural, comezou hoxe a prestar servizo. O retén está integrado por cinco operarios (un xefe de brigada, un condutor e tres peóns, que foron seleccionados a través do Servizo Público de Emprego) e manterase activo durante un período de tres meses durante os que realizará tarefas de prevención, vixilancia e extinción de lumes forestais.

Os integrantes da brigada están recibindo hoxe un curso teórico de formación con contidos como o comportamento do lume e os factores que inflúen na súa evolución, as ferramentas de extinción, a condución de vehículos todoterreo, traballo co vehículo motobomba, medios aéreos, seguridade laboral e primeiros auxilios en incendios forestais, entre outros. A formación continuará mañá cunha xornada práctica que dará paso ao traballo cotiá dos brigadistas.

Para a posta en funcionamento deste retén, o Concello e máis a Xunta de Galicia asinaron un convenio para o desenvolvemento de accións combinadas de prevención e defensa contra incendios, co obxectivo de acadar unha maior eficacia na loita contra os lumes forestais a través da optimización de todos os recursos dispoñibles.

Entre as funcións e tarefas a realizar terá prioridade a extinción de incendios forestais, quedando integrada a brigada no dispositivo de emerxencias do Distrito Forestal XIX Caldas-Salnés. Tamén levarán a cabo labores de prevención, que consistirán na roza, rareo e eliminación de restos en camiños forestais, áreas cortalumes ou nas faixas de xestión de biomasa que sexan de titularidade municipal.