El Correo Gallego

Noticia 122 de 313 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A cafetería da Casa da Cultura de Valga reabre a comezos de outubro baixo a xestión de Juan Carlos Alén

A explotación do bar foi adxudicada por un canon anual de 100 euros máis IVE // O proxecto inclúe a adquisición de mobiliario, servizo de comidas e a organización de actividades culturais

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 25.09.2019 
A- A+

O Concello vén de adxudicar a explotación da cafetería da Casa da Cultura de Valga a Juan Carlos Alén Castiñeiras, veciño de Paredes, por un canon anual de 100 euros máis IVE. O alcalde, José María Bello Maneiro, e o novo concesionario do local asinaron esta mañá, en presenza do secretario municipal, o contrato por unha duración de dous anos, con opción de prórroga ata un máximo de catro.

A reapertura da cafetería producirase a comezos do mes de outubro. Juan Carlos Alén e a súa familia contan con máis de quince anos de experiencia no sector da hostalería e presentaron un proxecto de explotación que inclúe a renovación do mobiliario do local, a prestación de servizo de comidas e a organización de actividades culturais para contribuír a dinamizar a Casa da Cultura.

Segundo consta no proxecto que acompañou á súa oferta, a única presentada ao concurso, incorporarase mobiliario de cociña e maquinaria que non conleve grandes obras de instalación nin traballos de mantemento como forno, fritideira e plancha industrial. Ademais, equiparase o bar con novo mobiliario tanto interior como exterior.

No tocante ao servizo que prestará a cafetería, o horario de apertura será de luns a sábado de 9 a 21 horas, quedando establecido o domingo como día descanso do persoal. Ofreceranse os servizos de almorzos, comidas e merendas, dirixidos tanto a público local como a visitantes (fundamentalmente peregrinos), que poderán solicitar as súas consumicións para levar.

O adxudicatario propón, ademais, habilitar un espazo para a realización de exposicións, no que artistas e artesáns da comarca poidan expoñer os seus traballos e obras, así como organizar sesións vermú, monólogos ou outras actuacións, de maneira que o establecemento se convirta en espazo de intercambio cultural.

Por último, a cafetería ofrecerá o servizo de información turística, contando con folletos, mapas e outra información que poida servir de utilidade aos visitantes e instalarase un punto de venta de recordos do Camiño de Santiago e de Valga.

O Concello ten agora pendente de aduxidicar a explotación da cafetería da praia fluvial de Vilarello, para a que se presentaron cinco ofertas.