El Correo Gallego

Noticia 69 de 313 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A campaña do concello con motivo do 25-N inclúe contacontos, concertos e teatro para sensibilizar contra a violencia de xénero

Esta tarde terá lugar no Auditoiro a actividade infantil “Bolboretas”, unha sesión de contos infantís a prol da igualdade // O día 25 terá lugar no CODI un acto institucional coa participación de centros educativos e asociacións do municipio

CONCELLO DE VALGA  | 16.11.2019 
A- A+

A Concellería de Igualdade de Valga impulsa unha campaña de sensibilización cidadá e prevención da violencia machista que se desenvolverá durante este mes de novembro e comezos de decembro con motivo do Día Internacional para a eliminación da violencia de xénero, que se conmemora o vindeiro día 25.

Contacontos, concertos, teatro e outras actividades forman parte desta campaña que dá comezo esta mesma tarde coa actividade “Bolboretas”, unha sesión de contos infantís a cargo de Soledad Felloza que terá lugar na biblioteca do Auditorio a partir das 17:30 horas con entrada de balde. Trátase dun espectáculo de narración oral repleto de historias de nenas e mulleres que voan alto para amosarnos un mundo sen violencia no que a igualdade é posible.

Para o venres 22 e tamén no Auditorio está programada unha nova actividade infantil en clave de igualdade: “Xogo revolto”, unha obra teatral con marionetas que trata de reforzar unha axeitada educación emocional e en valores, ensinando dun xeito chamativo e divertido que amosar os sentimentos e emocións non nos fai parecer débiles.

O sábado 23 celebrarase o concerto “Música contra a violencia” a cargo da Orquestra de Cámara Municipal de Valga a partir das 21 horas. E o luns 25, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, terá lugar no CODI un acto institucional que contará coa participación de alumnado dos centros educativos de Valga e outros colectivos e asociacións do municipio. O acto incluirá a lectura dun manifesto e unha declaración institucional e gardarase un minuto de silencio en memoria das vítimas da violencia machista.

As actividades continúan o martes 26 de novembro cunha sesión teatral dirixida a escolares. A compañía Xarope Tulú representará a obra “Nómades”, que fomenta a reflexión arredor da discriminación sexista e o respecto entre as persoas. Ese mesmo día, a partir das 17:30 horas, a Cada da Cultura de Valga acollerá o contacontos “Príncipas e princesos”, unha divertida reflexión sobre a igualdade.

O 29 de novembro, venres, Cris de Caldas relatará no CODI a partir das 12 os seus “Contos especiais en lila”, cunha serie de historias en favor dunha sociedade máis igualitaria e xusta. As actividades para o mes de novembre rematan o día 30 co espectáculo de teatro “Cinco minutos sin respirar” da compañía Ítaca. Trátase dunha adaptación da obra homónima do dramaturgo venezolano Gustavo Ott que fala da violencia machista, da vida, do amor, da explotación laboral, da familia...

A campaña de sensibilización e prevención terá continuidade a principios de decembro. Os días 4 e 11 desenvolveranse unhas xornadas formativas ás que asistirá persoal municipal de cara a constituír unha Mesa Local de coordinación institucional contra a violencia de xénero, en colaboración coa Secretaría Xeral de Igualdade da Xunta e da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp).

Estas actividades complétanse coa exposición “Arteterapia” que poderá verse no CODI durante un mes, entre o 20 de novembro e o 20 de decembro, con obras realizadas polas participantes no taller creativo de expresión para mulleres. Esta actividade foi promovida polo Centro de Información á Muller (CIM), estimulando ás participantes a empregar a pintura como un instrumento para a expresión, a comunicación e a superación persoal.