El Correo Gallego

Noticia 24 de 115 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

Catro pintoras da comarca reúnen as súas obras na exposición "Encontros creativos"

Marisé Canda, Elena Vidal, Áurea Garabán e Rosa Vidal son as artistas que participan na mostra // Pode verse no Auditorio Municipal ata o vindeiro 30 de xuño

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 06.06.2019 
A- A+

“Encontros Creativos” é a exposición que pode verse no Auditorio Municipal durante o mes de xuño, unha iniciativa que é resultado da unión das obras de catro pintoras da comarca: Marisé Canda, Elena Vida, Áurea Garabán e Rosa Vidal.

As catro comparten amizade, afección pola pintura e tamén mestre, Raúl Burés. E, a pesares de todo isto, os seus traballos son moi diferentes.

Marisé Canda, veciña de Caldas de Reis, é unha pintora autodidacta cun estilo moi diferencial. En “Encontros Creativos” asina sete cadros, óleos sobre lenzo. A maioría céntranse nunha mesma temática, os paraugas, aínda que tamén pode verse unha obra sobre maternidade.

Áurea Garabán, de Condide (Pontecesures), conta con 17 anos de traxectoria na pintura. Expón cinco cadros no Auditorio e a súa obra caracterízase pola cor. Ao contrario que Rosa Vidal, veciña da Devesa, que prefire pintar cadros en branco e negro, como se aprecia nos sete cadros que asina en “Encontros Creativos”.

Por último, Elena Vidal aporta varias paisaxes e tamén un retrato de Rosalía de Castro. Cinco obras, en total. Fai nove anos que esta veciña de Porto (Pontecesures) comezou no mundo da pintura, tralo falecemento do seu marido. Os pinceis foron para ela unha terapia e neste tempo xa ten participado en varios concursos. Nun deles, na Pobra do Caramiñal, gañou un accésit.

“Encontros Creativos” permanecerá na sala de exposicións do Auditorio ata o vindeiro 30 de xuño. O día 14 terá lugar un acto de inauguración coa asistencia das catro artistas e do alcalde, José María Bello Maneiro.