Santiago
+15° C
Actualizado
sábado, 10 febrero 2024
18:07
h

Catro traballos de investigación optan as dúas modalidades do Premio Xesús Ferro Couselo

As obras gañadoras daranse a coñecer o 30 de xullo, coincidindo coa data de nacemento de Ferro Couselo // O certame, convocado polo Concello dende 1996, trata de promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas

    Un total de catro traballos optan a gañar a vixésima edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo nas súas dúas modalidades.

    O prazo para presentar os traballos rematou o pasado 15 de xuño. Son dúas as investigacións que optan a gañar a primeira modalidade do Premio, dotada con 4.000 euros e referida a traballos de investigación de ámbito galego, dentro das especialidades de etnografía, paleografía, numismática, arqueoloxía, historia e historia da arte. As bases do certame establecen que as obras deben estar escritas en galego e ser inéditas, cunha extensión dun mínimo de 50 folios e un máximo de 300.

    Á segunda modalidade, pola que se convoca unha bolsa de estudos para proxectos centrados en estudos históricos, etnográficos ou sobre persoeiros do municipio de Valga, concorreron outros dous traballos. Neste caso os participantes tiñan que presentar un guión razonado detallando os obxectivos que pretenden acadar co seu proxecto, a metodoloxía a empregar e as distintas fases de realización. Esta bolsa está dotada con 3.000 euros. O 25% desta cantidade entregarase unha vez fallado o premio e o 75% restante ao remate do proxecto.

    Os gañadores do XX Premio de Investigación daranse a coñecer o día 30 de xullo, coindindo coa data de nacemento de Xesús Ferro Couselo. Previamente, o día 26, reunirase o xurado, que estará presidido polo alcalde, José María Bello Maneiro, e integrado por Pegerto Saavedra Fernández, catedrático de Historia Moderna na Universidade de Santiago de Compostela e membro da Real Academia Galega; Xulio Rodríguez González, director do Museo Arqueolóxico de Ourense e facultativo do corpo superior de museos; Pablo Sánchez Ferro, neto de Xesús Ferro Couselo, director do Arquivo Municipal de Ourense e técnico superior do corpo facultativo de arquiveiros da Xunta de Galicia; e Marcial Gondar Portasany, catedrático de Antropoloxía Social da USC, membro da sección de Etnografía do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento e do padroado do Museo do Pobo Galego. Como secretario, con voz pero sen voto, actuará un membro do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Valga.

    As obras premiadas quedarán en poder do Concello, que se reserva o dereito de publicación.

    Este certame busca promover e incentivar os estudos actuais de investigación no campo das ciencias históricas e vén sendo convocado polo Concello dende o ano 1996, no que a Real Academia Galega adicou o Día das Letras Galegas a Xesús Ferro Couselo, Fillo Predilecto de Valga e insigne figura da cultura galega.

    Na última edición do Premio as historiadoras Mónica Fernández Armesto e Mariña Bermúdez Beloso repartíronse o premio na primeira modalidade, cos traballos "A xustiza civil ordinaria nos tribunais da área de Ortigueira en época preestatística" e "Ad tudensem ecclesias que in vicino sunt: A organización do espazo na antiga diócese de Tui ao norte do Miño". Na segunda modalidade o gañador foi José Casal Porto co proxecto “A Casa da Palma”, centrado na historia, os moradores e o entorno máis próximo desta construción orixinaria do século XVII emprazada no lugar de Fontenlo.

    06 jul 2019 / 09:36
    • Ver comentarios
    Noticia marcada para leer más tarde en Tu Correo Gallego
    Tema marcado como favorito