El Correo Gallego

Noticia 23 de 173 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O Centro de Ensinanzas Superiores de Música abre o prazo de inscrición para as probas de acceso

O trámite pode realizarse ata o vindeiro 6 de setembro e as primeiras vinte solicitudes serán gratuítas // Toda a información sobre as admisións pode consultarse na páxina web do centro, www.csmgalicia.com

CONCELLO DE VALGA  | 02.08.2019 
A- A+

O Centro de Ensinanzas Superiores de Música de Valga ten xa aberto o período de inscrición de alumnado para a realización das probas de acceso para o curso 2019/2020. Ás primeiras vinte persoas que o realicen, este trámite sairalles gratis, permanecendo aberto o prazo ata o vindeiro 6 de setembro.

O formulario de inscrición pode descargarse en www.valga.gal ou a través da páxina web do centro (www.csmgalicia.com). Unha vez cuberto, o impreso e a documentación correspondente deben enviarse mediante correo electrónico á dirección inscripciones@csmgalicia.com. A relación provisional de alumnos admitidos nas probas de acceso farase pública o día 9 de setembro. A data de realización das probas está aínda pendente de confirmación.

Tamén é posible solicitar o traslado do expediente académico ao novo Centro de Ensinanzas Superiores de Música. Para isto, debe seguirse o mesmo procedemento: descargar en www.valga.gal ou en www.csmgalicia.com o correspondente formulario e envíalo por e-mail a inscripciones@csmgalicia.com. Para o curso 2019/2020 aceptaranse todas as solicitudes nos cursos 2º, 3º e 4º de todas as especialidades.

O centro, con sede no Auditorio Municipal, ofertará na súa primeira etapa un máximo de 120 prazas e o claustro de profesores estará formado por unha trintena de pedagogos de prestixio internacional, dirixido por Manuel Villar e codirixido por Pere Molina. Impartiranse todas as especialidades musicais divididas en seis departamentos: Pedagoxía, Dirección, Composición, Produción e xestión de eventos, Musicoloxía e Interpretación. No caso da Dirección, actualmente esta titulación só se pode acadar no Conservatorio da Coruña, polo que o de Valga será o segundo de toda Galicia que a oferte. Tamén se impartirán música popular, moderna e antiga.

O Centro de Ensinanzas Superiores de Música de Valga conta co visto bo da Consellería de Educación da Xunta. O informe favorable emitido pola administración autonómica publicarase nos vindeiros días no Diario Oficial de Galicia. Coa posta en marcha deste centro Valga equipárase, no que a ensinanzas musicais se refire, ás grandes cidades de Galicia, A Coruña e Vigo, as únicas da comunidade que ata o de agora ofertaban estudos superiores de música.