El Correo Gallego

Noticia 120 de 320 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O coloquio de sensibilización sobre a violencia de xénero recalca a importancia de denunciar para evitar máis vítimas

Máis de trinta persoas asistiron á charla a cargo asociación Mulleres en Igualdade de Vigo // O Concello lembra que o CIM e os Servizos Sociais están a disposición das mulleres maltratadas

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 01.10.2019 
A- A+

Profesionais da asociación Mulleres en Igualdade de Vigo ofreceron na tarde de onte no Auditorio Municipal a charla “Violencia de xénero, unha realidade oculta”, á que asistiron unha trintena de persoas. A actividade de prevención foi organizada pola Concellería de Igualdade, no marco dunha campaña da Secretaria Xeral de Igualdade da Xunta para sensibilizar sobre a violencia machista en zonas do rural de Galicia.

Unha psicóloga, un socióloga, unha politóloga e un avogado membros do equipo técnico de Mulleres en Igualdade ofreceron unha visión multidisciplinar da violencia de xénero, que na maioría dos casos segue a ser unha “realidade oculta”, de aí que este se elixira como título do coloquio. O 70% da vítimas mortais rexistradas no 2018 non denunciara previamente, destacou o avogado da asociación, que fixo un chamamento á implicación de toda a sociedade á hora de detectar e denunciar a violencia machista. “As homenaxes nunca sobran, pero como verdadeiramente se combate este problema é aplicando a lei aos maltratadores”, dixo.

O xurista explicou todas as vías e alternativas que existen para denunciar a violencia de xénero: ante a Garda Civil ou a Policía, no xulgado ou chamando aos teléfonos de emerxencias 112, 091 e 062. Lembrou que as vítimas teñen dereito a recibir asistencia xurídica gratuíta e inmediata e referiuse a outras axudas e medidas de protección que poden acollerse as mulleres maltratadas: axuda económica durante 12 meses, dereito a unha indemnización por danos que deben reclamar xudicialmente, ordes de protección ou posibilidade de refuxiarse en pisos tutelados ou centros de acollida, participación en programas de apoio e emprego ou o servizo Atenpro (Servizo Telefónico de Atención e Protección). Este servizo ofrece ás vítimas de violencia de xénero unha atención inmediata as 24 horas do día e os 365 días do ano a través do teléfono móbil e da telelocalización.

No caso de Valga, o goberno municipal lembra á veciñanza que teñen á súa disposición tanto os Servizos Sociais municipais como o Centro de Información á Muller –que ofrece asesoramento psicolóxico e xurídico gratuíto– para denunciar situacións de violencia de xénero das que sexan coñecedores ou informar de sospeitas de maltrato no seu entorno. Porque, tal e como remarcaron os representantes de Mulleres en Igualdade no coloquio, é importante que todos como sociedade saibamos recoñecer os síntomas da violencia machista para actuar antes de que se produza unha traxedia. Neste sentido, hai que ter en conta que na maioría dos casos o medo, a incapacidade de reacción ou a vergonza impiden que sexa a propia vítima a que denuncie, de aí a importancia de que o seu entorno máis próximo (familia, amigos, veciños) estén alerta e reaccionen ante calquera sospeita.