El Correo Gallego

Noticia 10 de 320 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

COMEZAN AS OBRAS DE HUMANIZACIÓN QUE CONVERTERÁN O PARQUE IRMÁNS DIOS MOSQUERA NO PRINCIPAL ESPAZO DE LECER DE VALGA

O Concello e a Xunta de Galicia asinaron un convenio para investir máis de 470.000 euros // Os traballos inclúen a creación dun carril bici e de sendas peonís, a mellora do parque infantil e da pista deportiva e a dotación de mobiliario

CONCELLO DE VALGA  | 09.01.2020 
A- A+

O Parque Irmáns Dios Mosquera xa está en obras. Recentemente deron comezo os traballos de mellora e humanización proxectados polo Concello e que serán financiados en base a un convenio de colaboración asinado coa Xunta de Galicia que prevé un investimento de ata 470.000.

O obxectivo é realzar a importancia deste entorno e convertelo na zona de recreo e lecer por execelencia do municipio e da contorna, ofrecendo aos veciños e visitantes un espazo de calidade e cheo de posibilidades, dando valor á súa paisaxe característica e facéndoo o máis versátil posible para a realización do maior número de actividades.

As actuacións que se proxectan son:

Construción dun escenario e gradas, separados polo regato existente e que non suporán alteración do entorno xa que quedarán integradas no propio desnivel físico do terreo.
Execución dun carril bici arredor do parque con carácter de circuíto pechado pero, ao mesmo tempo, con posibilidade de continuidade futura. Ademais, en paralelo a este carril, crearase unha senda peonil para favorecer os paseos sen interromper a actividade interna do parque.
Instalación dunha nova pasarela peonil cruzando o regato e que dea continuidade á senda.
Acondicionamento da pista deportiva, dándolle valor e utilidade á zona hormigonada existente e dotándoa de equipamento axeitado para a práctica deportiva.
Dotación de mobiliario urbano como papeleiras, mesas e bancos que ofrezan aos usuarios a comodidade axeitada para gozar dunha xornada no parque.
Ampliación da zona de parque infantil, coa instalación de máis xogos para nenos de distintas idades.
Habilitar aseos públicos e un almacén nunha pequena edificación xa existente no parque.
As obras teñen un prazo de execución de seis meses.