El Correo Gallego

Noticia 64 de 115 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O Complexo Deportivo de Campaña acolle o luns o Campionato Galego de Seleccións Comarcais, que reunirá a 300 futbolistas

O alcalde, o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol e o presidente do Cordeiro C.F. presentaron o torneo // A xogadora infantil do Cordeiro, Adriana Iglesias, competirá coa selección de Santiago

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 12.04.2019 
A- A+

O Complexo Deportivo de Campaña acolle o vindeiro luns, 15 de abril, o Campionato Galego de Seleccións Comarcais femininas sub-14 e masculinas sub-15, un evento organizado pola Real Federación Galega de Fútbol (RFGF) coa colaboración do Cordeiro C.F., que está a celebrar este ano o 50 aniversario da súa fundación, e o Concello de Valga.

O torneo foi presentado esta mañá polo alcalde, José María Bello Maneiro, o vicepresidente da Federación, Javier García, e o presidente do Cordeiro C.F., José Ramón Seco, e o coordinador da base e entrenador do equipo sénior do club valgués, Luis Eiras.

Bello Maneiro destacou que “é un orgullo que a Federación pensara en Valga para celebrar este torneo, o que fala moi ben das instalacións deportivas coas que contamos e que poden acoller eventos de primeiro nivel”. O rexedor felicitou ao Cordeiro polos seus 50 anos e tamén polo traballo que está a desenvolver a actual directiva, “especialmente nas categorías inferiores, que é onde máis debemos volcarnos: na formación da canteira tanto no aspecto deportivo como, sobre todo, na educación en valores”.

Participarán no campionato oito seleccións masculinas sub-15 en representación das distintas delegacións federativas: Santiago, Vigo, Ourense, A Coruña, Ferrol, Lugo, Pontevedra e Costa da Morte. No caso do torneo feminino sub-14, serán sete os combinados en competición xa que a Costa da Morte non conseguiu xuntar as suficientes rapazas. Os partidos disputaranse entre as 10 e as 19 horas con entrada gratuíta para todo o público que queira asistir.

Entre as participantes no campionato feminino estará Adriana Iglesias, xogadora do equipo infantil do Cordeiro, que formará parte da selección de Santiago.

Estas seleccións comarcais serven de filtro para formar as seleccións galegas de ambas categorías, aínda que a competición ten tamén un obxectivo lúdico-deportivo xa que durante toda a xornada xerarase unha convivencia entre os participantes. Nas instalacións municipais de Campaña reuniranse case 300 futbolistas, 18 por cada equipo, que participarán nunha comida de confraternización organizada polo Cordeiro C.F. A eles hai que engadir os acompañantes que se desprazarán a Valga cos diferentes equipos (pais, nais e outros familiares), que pasarán o día no municipio e comerán nos establecementos de hostalería locais.

Neste sentido, o vicepresidente da Federación apuntou que o luns “vai ser un día de festa para Valga”. Javier García transmitiu a disposición da entidade que representa para seguir traballando conxuntamente co Concello de Valga no fomento do deporte base.

Pola súa parte, Luis Eiras, en representación do Cordeiro C.F. agradeceu á Federación Galega “que pensara en nós á hora de organizar este evento” e ao Concello “por prestarnos a axuda necesaria”. “Queremos que os nenos do noso club se vexan reflexados nestas seleccións”, dixo.