El Correo Gallego

Noticia 114 de 313 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A concellería de benestar social abre o prazo de inscrición nun obradoiro de terapia creativa dirixido a mulleres

Este xoves ás 17 horas celébrase no CODI unha xuntanza na que se explicarán os contidos da actividade // O obxectivo é promover a expresión e a superación persoal a través da pintura

CONCELLO DE VALGA  | 01.10.2019 
A- A+

O Concello ten aberto o prazo de inscrición nunha nova actividade que se desenvolverá durante os vindeiros meses no CODI. Trátase dun obradoiro de Terapia Creativa dirixido a mulleres no que a arte, e máis en concreto a pintura, será un instrumento para a expresión, a comunicación e a superación persoal.

O taller será impartido por Marcela Santorum, licenciada en Belas Artes e psicóloga do Centro de Información á Muller. “A arte ten unha dimensión poderosa, non pode cambiar o mundo pero pode cambiar ás persoas porque ten o poder de transformar os dramas reais en simbólicos. Nesta perspectiva somos capaces de tomar distancia, reflexionar e aprender dos nosos conflitos e angustias”, explica.

Sobre esta premisa deseñouse este obradoiro de Terapia Creativa. Este xoves, 3 de outubro, ás 17 horas terá lugar no CODI unha xuntanza de presentación da actividade na que se explicarán os seus contidos. Ademais, as persoas interesadas teñen á súa disposición os teléfonos 986 559 140 e 636 757 969 para solicitar máis información.

A actividade é financiada pola Deputación de Pontevedra.