El Correo Gallego

Noticia 17 de 37 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

A concellería de igualdade do Concello de Valga organiza un curso de defensa persoal dirixido a mulleres

O prazo para anotarse estará aberto ata o 29 de marzo e precísanse un mínimo de 15 inscritas // A actividade é financiada a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero

CONCELLO DE VALGA  | 08.03.2019 
A- A+

O Concello de Valga organiza un curso de defensa persoal dirixido a mulleres. Trátase dunha actividade gratuíta e que ofrecerá ás participantes un conxunto de técnicas de autoprotección orientadas a impedir ou repeler unha agresión. As interesadas poden anotarse no Concello ou no Auditorio ata o vindeiro 29 de marzo e precísanse un mínimo de 15 incritas para que poida desenvolverse o curso, que se financia a través do Pacto de Estado contra a violencia de xénero.

As sesións desenvolveranse os xoves de 21 a 22 horas durante uns dous meses e serán impartidas pola Escola Zenyin, en concreto por Julio Oliveira, 5º dan de Hapkido e experto en intervención con mulleres vítimas de violencia de xénero, e Raquel Vila, 2º dan de Hapkido, actual campioa de España de Hapkido e subcampioa do mundo de defensa persoal.

O curso constará de contidos tanto teóricos como prácticos. Entre os primeiros, impartiranse charlas de autoprotección nas que, entre outras cousas, se explicará ás mulleres como avaliar e detectar situacións de risco. Na parte práctica, ensinaránselles unha serie de técnicas sinxelas e que non requiren de ningunha condición física específica nin unha idade determinada, pero que son eficaces á hora de repeler unha agresión ou frear unha ameaza.