El Correo Gallego

Noticia 99 de 313 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O Concello recibe unha nova cesión de material para o Museo da Historia Local

Están datados entre os anos 1596 e 1900 e son propiedade do morañés José Casal Porto // A cesión será levada proximamente ante o Pleno para a súa aprobación por parte da Corporación

FOTO: Concello de Valga
FOTO: Concello de Valga

CONCELLO DE VALGA  | 14.10.2019 
A- A+

O Concello vén de recibir unha nova cesión de material para o Museo da Historia Local. Trátase dunha colección de oitenta documentos datados entre os anos 1560 e 1900 e relacionados coa Casa da Palma, unha edificación orixinaria do século XVII e que se empraza no lugar de Fontenlo (San Miguel de Valga).

A documentación pertence a José Casal Porto, veciño de Moraña, que esta mañá asinou xunto ao alcalde, José María Bello Maneiro, o documento de cesión gratuíta e desinteresada da colección co fin de que pase a formar parte dos fondos do Museo da Historia para a súa exposición. A cesión será levada próximamente ante o Pleno para a súa aceptación por parte da Corporación municipal.

A colección pertencía ao bisavó de José Casal, que foi notario. “Estivo esquencida durante moitos anos ata que un día, revisándoa, vin que era interesante. Hai unha serie de documentos de compra, anaco a anaco”, dos terreos nos que se erixiu a Casa da Palma, “outros relacionados coa renovación da vella igrexa de Valga, documentos da Curia de Santiago dando permiso para a construción dunha capela na honra de San Xoán e Santa María no interior da propiedade e ata unha curiosa cesión por parte do cura, que era primo do dono da casa, dunha pesqueira de lamprea en Herbón”, explica Casal Porto, médico de profesión e afeccionado á historia e ao patrimonio.

Con estes documentos Casal Porto realizou un traballo sobre a Casa da Palma, a súa historia, os seus moradores e o entorno máis próximo co que resultou gañador dunha bolsa de estudos por valor de 3.000 euros na XIX edición do Premio de Investigación Xesús Ferro Couselo.