El Correo Gallego

Noticia 124 de 171 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O Concello de Valga adxudica á empresa Covsa obras de pavimentación en vinte e catro estradas de titularidade municipal

Invístense neste proxecto 363.282’45 euros // Actuarase en viais das cinco parroquias para mellorar a súa capa asfáltica

CONCELLO DE VALGA  | 04.04.2019 
A- A+

O Concello de Valga adxudicou á empresa Construcións, Obras e Viais (Covsa) obras de pavimentación en vinte e catro estradas de titularidade municipal.

Mellorarase a capa asfáltica en estradas das cinco parroquias valguesas en beneficio da seguridade viaria.

Na parroquia de Cordeiro actuarase en sete viais: Louro-Senín, Castiñeiras, Moldes-Vilarello, Areal-Outeiro, Ferreirós e dous no Forno.

En San Miguel de Valga son seis as estradas que se van pavimentar nos lugares de Cedelo, Fontenlo, Cimadevila, Casa de Amil e Tarroeira e tamén unha pista que conecta a Avenida da Coruña con Cedelo.

En Campaña están proxectadas cinco actuacións nas zonas de Devesa, Montiño, O Coto e Rúa Nova.

En Xanza asfaltaranse catro viais en Baño, Carballiño, Parafita e Sixto e, por último, en Setecoros melloraranse dúas estradas en Casaldeirigo e Outeiro.

Trátase de estradas que se atopan en malas condicións para a circulación debido principalmente ao desgaste propio do seu uso e tamén polos arrastres como consecuencia das chuvias dos últimos invernos. Executaranse traballos de limpeza do firme e das marxes, con apertura de cunetas, e a posterior pavimentación con mistura bituminosa en quente de catro centímetros de espesor.

Investiranse un total de 363.282’45 euros do programa provincial Plan Concellos 2019 e o prazo de execución dos traballos é de trinta días.