El Correo Gallego

Noticia 120 de 165 noticia anterior de Valga Área de Compostela » Valga

O concello de Valga aportou den 2018 máis de 84.000 euros para financiar o grupo de emerxencias

O alcalde explicou no Pleno que os traballadores do GES solicitaron gardas de 12 horas e non traballar sábados nin domingos // A Corporación aprobou reclamar á Subdelegación do Goberno máis efectivos para o cuartel da Garda Civil

CONCELLO DE VALGA  | 02.04.2019 
A- A+

O alcalde, José María Bello Maneiro, explicou no Pleno extraordinario celebrado onte a instancias da oposición que a situación do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES), que durante o mes de abril terá a un só compoñente de garda no turno de noite, é debida á falta de persoal pola coincidencia de circunstancias como catro baixas, concesión de permisos, solicitude de vacacacións e días de asuntos propios. “A Dirección Xeral de Emerxencias e máis a Axencia Galega de Emerxencias están debidamente informadas e saben que, cando só hai unha persoa de garda, teñen que mobilizar tamén a efectivos doutros concellos se fose necesario”.

O alcalde lembrou que varios membros do GES están a reclamar por vía xudicial máis de 1.400 horas extras anuais e que suporían 16.390’24 euros por cada un dos doce membros do grupo, en total case 200.000 euros que son inasumibles para o Concello de Valga. De aí a reorganización dos turnos de traballo. Neste sentido, Bello Maneiro explicou que as negociacións cos compoñentes do GES e máis os seus representantes sindicais remóntanse a xuño do pasado ano. Nunha reunión celebrada o 3 de xullo de 2018 e á que asistiron os membros do Grupo de Emerxencias, estes solicitaron realizar gardas de 12 horas e non traballar sábados nin domingos, unha petición que reiteraron posteriormente os sindicatos. “Iso si que é ilegal. Non se pode deixar sen servizo ao GES durante as fins de semana”, remarca o alcalde. “Sempre estamos dispostos a falar, pero non podemos tolerar os pulsos”, afirmou Maneiro no Pleno.

No tocante ao equipamento, o rexedor explicou que o GES conta con dous cascos sen estrear e catro máis en perfectas condicións de uso. “En cada garda só hai un máximo de dúas persoas, polo que son suficientes”. En canto ás equipacións, estas foron contratadas no mes de febreiro. Dende entón lévase solicitado en reiteradas ocasión aos integrantes do Grupo de Emerxencias que faciliten unha relación de tallas para que a empresa poida subministralas sen que, de momento, teña sido proporcionada. Hoxe mesmo o Concello reiterou por escrito a un dos representantes sindicais do plantel que procedan a indicar a talla de cada un dos integrantes.

No transcurso da sesión, ofrecéronse datos sobre o financiamento do GES. No ano 2018 o gasto foi de 302.308’52 euros que tivo que adiantar o Concello de Valga. Segundo o convenio asinado coa Xunta, a Deputación e Fegamp, o Concello ten que recibir 217.815 euros, dos que a día de hoxe só ingresou 166.485 euros. Con todo, o desembolso por parte das arcas municipais ascenderá a 84.493’52 euros. “Con estes cartos o Concello pode contratar a cinco operarios durante todo o ano para que realicen traballos só para os veciños de Valga, mentras que o GES está a actuar noutros catro concellos sen que estes fagan ningunha aportación económica”, salienta o alcalde.

Ese mesmo convenio establece con claridade cales son as funcións que debe realizar un GES. Sobre esta cuestión, o rexedor indicou que Concello deixou de ingresar no ano 2017 un total de 42.542’12 euros e no 2016, 40.762’91 euros por non cumplir os obxectivos en materia de prevención de incendios.

Bello Maneiro concluíu dicindo que o goberno municipal “está orgulloso de contar cun GES en Valga e do traballo que se realizou para conseguilo, outros posiblemente estean celosos”.

Cuartel da Garda Civil

Na tarde de onte celebráronse, ademais, outros dous Plenos. Un extraordinario para sortear as mesas para as eleccións ás Cortes Xerais do vindeiro 28 de abril e outro ordinario no que se debatiu unha moción do grupo de goberno sobre a situación do cuartel da Garda Civil. Cada vez conta con menos efectivos e ofrece un servizo máis precario á veciñanza, mentras as vagas de roubos en vivendas, comercios ou igrexas aumentan.

Na actualidade, o cuartel só conta cun sarxento e un garda civil. A súa presenza é só testemuñal e non se está a facer unha política disuasoria no noso termo municipal. En moitos casos, os veciños optan por non denunciar os roubos que sofren nas súas casas por non ter onde facelo, xa que teñen que desprazarse ata Caldas, Vilagarcía ou incluso Cambados. Bello Maneiro explicou que “hai gardas civís que están adscritos ao cuartel de Valga pero que prestan servizo noutros destinos, por exemplo un está nas oficinas en Pontevedra”.

Aprobouse por unanimidade demandar á Subdelegación do Goberno en Pontevedra, á Delegación do Goberno en Galicia e ao Ministerio do Interior que procedan, de inmediato, a aumentar o número de efectivos no cuartel da Garda Civil de Valga e a dotalo dos medios axeitados para o desenvolvemento do seu labor. Neste sendido, o alcalde lembrou que a Subdelegación do Goberno en Pontevedra é perfectamente consciente da situación de abandono progresivo que afecta ao cuartel. “A subdelegada comprometeuse nunha reunión a realizar unha visita a Valga que a día de hoxe aínda non se realizou. E prometeuse un novo vehículo que se ía entregar de inmediato e aínda seguimos esperando por el”, lamenta.

A moción deixa claro, ademais, que o Concello de Valga non aceptará que se siga reducindo o persoal do cuartel e, moito menos, o peche definitivo das instalacións da Garda Civil.